Lois Pérez: “É un libro que escribín para o meu fillo, movido polo amor e o medo a perder seres queridos”

Entrevista a Lois Pérez en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Que supón para vostede gañar este certame?
– Lois Pérez (LP): Faime moitísima ilusión levar un premio co nome de Agustín, non só pola súa obra, senón pola súa persoa, de paz e harmonía. Todo un referente para moitos. Tamén me fai moita ilusión que fose en Vilalba, polos compañeiros do Iescha e polo xurado, porque son persoas ás que lles teño unha altísima estima, e por todos os que forman parte do IES Basanta Silva, mestres e alumnos. Estou realmente emocionado.
– EP: Como recibiu a noticia?
– LP: Con estupefacción. O sábado tiña unha actuación na casa de Manuel María en Outeiro de Rei ás nove da noite e ás oito chamoume Manuel Bragado para darme a nova. Sentín unha tremenda felicidade. Tanto foi así que daquela estaba en pixama e non era quen de vestirme (ri). Despois fun actuar, visitamos a casa do Manuel, estiven acompañado pola miña muller, familiares e amigos. Sentinme unha persoa plena e feliz, foi un día espléndido.
– EP: Que pode contar de A gruta da torre?
– LP: É un libro que escribín para o meu fillo Lois entre abril e xuño do ano pasado, no confinamento, movido polo amor e polo medo a perder os seres queridos. Pero tamén para o neno que fun, porque o seu centro é a miña infancia, no campo aberto do verán de 1990 en Ribadeo. Que meu fillo, de nove anos, soubese da miña infancia, do mundo visto cos meus ollos de entón, que tiña once. De feito, non cambiei nin o meu nome nin o dos amigos da miña cuadrilla.
– EP: Que se pode atopar nel?
– LP: Fálase da amizade, do paso do tempo, da beleza do mundo ou da inocencia. Tamén ten que ver co descubrimento do pensamento abstracto nesa etapa na que os nenos abandonan o concreto e comezan a ver o abstracto do mundo. Tiña un grande interese en falarlle de certas cousas a meu fillo a través deste libro, así que tamén se recolle memoria histórica, ecoloxía, o valor da amizade, a discriminación e non discriminación das persoas. Incluso fago un traslado a un libro adulto, Viaxe a Samoa, de Marcel Schwob, que me encanta.
Tiña especial interese en falarlle de certas cousas a través del, como o valor da amizade, o paso do tempo ou a discriminación
– EP: Foi a primeira vez que escribiu unha novela infantil?
– LP: Si. Escribín outras cousas como mestre, máis curtas e para outros fins. Pero este foi un proxecto ambicioso, complexo na súa execución. Levoume moito tempo e traballo, pero o resultado penso que valeu a pena. Liamos o libro polas noites co meu fillo, e el ía opinando e dicindo o que non entendía e corrixía en base a iso coa axuda da miña compañeira Alba.
– EP: Creouna coa mente posta neste certame?
– LP: Inicialmente foi sen pensar neste premio. Escribina para vencer a frustración e a enorme preocupación que tiñamos entón todos, para darlle sentido á vida e eu ese sentido atópoo nas palabras, nunha situación como a que había, na que tamén sentía que tiña que protexer ao noso neno coa imaxinación, ante un tempo escuro que nos tocou vivir.”