Entrevista a Ramón Nicolás en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como descubriu este proxecto?
– Ramón Nicolás (RN): Era un proxecto que estaba nas miñas mans desde hai bastantes anos, o que ocorre é que as circunstancias non foron favorábeis para que se puidese publicar e agora, finalmente, puxéronse as cousas de cara para que se levase a cabo. Chegou a min a través das mans de Manuel Bragado, que foi a persoa coa que Alonso Montero falara no seu día para facer unha edición deste corpus de texto, que existía desde o ano 1969, pero que precisaba dun traballo de edición. Que caese nas miñas mans foi unha decisión de carácter editorial, co acordo de Xesús. Prepareino máis ou menos nun prazo breve de tempo, pero publicouse hai uns meses.
Dábame certa mágoa que non vise a luz, xa que é un traballo que estaba durmindo no soño dos xustos e baixo a miña consideración tiña certas particularidades que poderían ser interesantes para coñecer o noso pasado literario.
– ND: Que relevancia ten hoxe en día?
– RN: É interesante na medida en que deita luz fundamentalmente arredor das opinións dun grupo de autores e autoras con obra publicada a partir de 1936 que contestaron a enquisa. Entre as preguntas que propón Alonso Montero pódense albiscar dous valores, ou quizais máis. O primeiro fai referencia aos datos de carácter biográfico que ofrecen as persoas que responden e que chegan da súa man, polo que hai unha fiabilidade practicamente absoluta. Engádense así datos de natureza bibliográfica ou biográfica que nalgúns casos son bastante descoñecidos.
Logo, por outra parte, está a enquisa que chamo sociolóxica, que estriba en preguntas nas que os autores e autoras dan a súa opinión e que, olladas agora, anos despois, ofrecen unha visión panorámica sobre distintas cuestións. Por exemplo, a valoración da Real Academia Galega ou se a prensa galega daquela altura daba a importancia que debía á nosa literatura. Tamén preguntas relativas ás voces que máis influíron nelas, onde curiosamente a maioría destaca a figura de Castelao ou Celso Emilio Ferreiro como autores máis atractivos. (…)”