A poeta Luz Fandiño recibirá o XX Premio Ramón Piñeiro Facer país

Desde Cultura Galega:
“A escritora e activista Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931) é a gañadora da vixésima edición do Premio Ramón Piñeiro Facer país. A Asociación Cultural Val de Láncara presentou o venres 14 de outubro no Consello da Cultura Galega (CCG) o fallo da vixésima edición deste premio, que recoñece o labor dunha persoa ou entidade galega a favor do desenvolvemento da comunidade. “Quixemos destacar, nesta ocasión, a unha muller combativa en favor da lingua e da cultura do país”, destacou o profesor Xurxo Rodríguez Lozano en nome da asociación. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o “valor deste certame, que nace desde o propio pobo e que ten un meritorio carácter popular e participativo”. A Asociación Cultural Val de Láncara convoca este galardón, que busca poñer en valor tanto a persoas, entidades e empresas como a colectivos ou institucións que destacaron “polo seu labor de promoción, defensa e vertebración” da comunidade autónoma de Galicia. O galardón non ten dotación económica e é escollido por unha vintena de asociacións culturais das comarcas de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes. A entrega do premio será en novembro, no marco dunha xuntanza de confraternización na que os anteriores galardoados, Luar na Lubre, entregarán o premio á gañadora desta edición. (…)”