Entrevista de Marcos Pérez Pena a Anselmo López Carreira en Praza:
“(…) – Praza (P): Finalizado o Congreso sobre o Reino medieval de Galicia, que valoración facedes do seu desenvolvemento e da súa repercusión?
– Anselmo López Carreira (ALC): Nós non eramos moi ambiciosos, realmente, porque sabemos cal é a realidade, pero pensamos que os obxectivos se cumpriron con creces. Rematado o Congreso, non podemos dicir que a partir de aquí se produce unha inflexión no referente ao coñecemento o Reino, porque estas inflexións non existen desta maneira, senón que é un proceso longo, que necesita de divulgación e de extensión deste coñecemento para que chegue sobre todo ao ensino. Pero esperamos que este Congreso fora un chanzo adiante que axude a estimular as persoas que se dedican ao estudo e á investigación deste período histórico. E, sobre todo, para conseguir que se popularice o coñecemento de que existiu un Reino de Galicia. Eu, persoalmente, aprendín moito neste Congreso, e supoño que os restantes asistentes tamén o fixeron.
– P: Na introdución do encontro denunciouse o “silenciamento” e o “ocultamento” do Reino de Galicia na historiografía oficial. A que se debe a minimización desta realidade histórica?
– ALC: Eu creo que se debe a dúas razóns confluentes. En primeiro lugar porque dende o século XIX houbo pouco público receptor para a historiografía galega, faltou esa burguesía que si houbo noutros territorios; por este motivo as obras de Murguía, López Ferreiro ou Vicetto non tiveron a masa crítica necesaria, levando a unha debilidade da historiografía galega que se mantivo ata tempos recentes. A outra razón é a forma en que se construíu o paradigma da historia de España, trazando unha liña recta dende o Reino Visigodo ata o Reino de Castela e, finalmente, o Reino de España, un camiño no que Galicia ficaba á marxe.
– P: Nese paradigma, por exemplo, adoita reducirse a importancia do reino Suevo fronte ao reino Visigodo…
– ALC: Si, esa ocultación, que non digo que fose feita a propósito, xa foi denunciada por Menéndez Pelayo no século XIX. É dicir, que a grande atención que se emprestou ao Reino Visigodo fixo que se fose esquecendo o Reino Suevo, o cal non era xusto. (…)”