Entrevista a Rocío Leira en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que trae vostede en Cicuta para dous?
– Rocío Leira (RL): É unha mestura un tanto rara, unha novela de intriga filosófica. Creo que a filosofía non está moi tratada na ficción, especialmente na xuvenil, así que pareceume boa idea poder achegarlla á mocidade. Intentei facelo da forma máis amena e menos densa posible, cunha historia de intriga e misterio.
– LVG: A filosofía tampouco ten moita presenza na educación.
– RL: Son matemática, así que parecerá que vou tirar pedras contra o meu propio tellado, pero hoxe parece que só importa aquilo que dá resultados inmediatos: a tecnoloxía, a ciencia, a informática… Non obstante, eu creo que a filosofía nos pode facer achegas moi valiosas, sobre todo nestes tempos de desinformación e bulos nos que vivimos. É máis importante ca nunca desenvolver un espírito crítico, unha personalidade que estea allea ás manipulacións.
– LVG: Que opina desa dicotomía letras-ciencias? Vostede leva ás dúas por bandeira.
– RL: O ideal sería que fósemos todos o máis renacentistas posible, no sentido de ter un amplo abano de intereses. Na antigüidade era moi común que os matemáticos fosen tamén filósofos, e de feito son dúas disciplinas que traballan de maneira moi semellante, pero co tempo fóronse separando e mesmo enfrontando. Eu creo que os coñecementos transversais son máis necesarios ca nunca. (…)”