Entrevista de Ana González Liste a María do Cebreiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que decide xogar coa ironía no título?
– María do Cebreiro (MC): Eu creo que o humor é un recurso non demasiado explorado no pensamento crítico pero moi valioso. De feito, creo que na totalidade do libro o é. Quizais non a ironía e o sarcasmo, que si se ven no título, pero si outros tipos de humor, a parodia, para buscar a complicidade dos lectores a través deses guiños porque creo que o libro lle pedía bastante aos lectores a nivel de uso dun determinado aparato conceptual, dunha tentativa de rigor analítico… Entón, eu quería que ese modelo de crítica que está moi presente ao longo de todo o ensaio, ao mesmo tempo se vira acompañado desa outra lixeireza que son como cambios de ton, que diría que axudan tamén a facer máis amena a lectura e a non plantealo todo desde o enfado. Porque a nosa época tende moito a iso, dá a sensación de que todo o mundo está enfadado todo o tempo. Para min o sorriso é totalmente compatible coa filosofía, co pensamento, aínda que moitas veces non se vexa así.
– P: Avanza no limiar por que apostou polo ensaio en lugar da auto-ficción para abordar a maternidade e coa lectura do libro parece que en gran medida foi para fuxir deses “excesos retóricos do sentimentalismo” que tamén apunta.
– MC: Totalmente. Penso que no libro hai dúas dimensións: unha de crítica aos modelos maternofiliais no neoliberalismo impostos un pouco por esta sociedade de consumo, que é realmente o núcleo duro, pero logo hai outro tipo de reflexións que son máis poéticas e máis a futuro porque a min tamén me preocupaba moito escribir unha crítica na que non houbera esperanza. Eu penso que cando un fai unha crítica tamén está case obrigado –ou invitado, polo menos– a propoñer outro mundo posible, creo moito niso e dende que son nai, máis. Creo que para moitas mulleres seren nais é como un brinde ao futuro, un amor ao que a vida pode chegar a ser, máis alá do que o mundo é; case como unha tensión entre o mundo e a vida. Unha amiga miña que non é nai dicíame que non sabía por que traemos fillos ao mundo e eu contesteille: traémolos á vida, non os traemos ao mundo. Se os quixésemos traer ao mundo non os quereríamos traer porque non somos parvos ninguén, sabemos como son as cousas, pero ao final no desexo maternal hai un elemento tamén de confianza e esperanza.
Entón, esa outra dimensión do libro, a máis esperanzada, expresouse dunha maneira máis poética e menos analítica e, polo tanto, máis confesional. Pero, dado que creo que no libro predomina máis a parte analítica, creo que é así porque faltaba. Eu creo que faltaba un discurso sobre a maternidade a favor da maternidade, non en contra, feito dunha maneira rigorosa e analítica, case científica en certo sentido. É certo que nos últimos hai tanto moitos libros celebratorios da maternidade escritos dunha maneira máis confesional, moitos deles feministas e moi interesantes; como tamén hai moitos libros científicos e académicos cuestionadores da maternidade. Quixen buscar un xeito de falar desde o rigor a favor da maternidade. Por suposto, en contra de moitas realidades que a rodean, pero a favor dese compromiso coa vida que implica a maternidade.
– P: No libro dálle voltas a que existe un “xiro discursivo” sobre a maternidade, relacionado intimamente co sistema capitalista no que vivimos, onde entran tamén as redes sociais. Cando decide se quere formar parte dese “xiro discursivo” ou non e como o enfoca para poder contalo?
– MC: Eu vía que había unha produción verbal extensísima pouco coidadosa coas palabras e coa propia vida. Pensaba que un fenómeno como o da maternidade, que é tan marabilloso, que nos transforma tantísimo e que moitas das que o habitamos xa non concibimos a nosa vida sen ser nais, como vén acompañado de tan mala produción discursiva? Hai moito lixo e molestábame pola súa carga ideolóxica, non é unha cuestión elitista de valor –hai literatura boa e literatura mala– senón de lixo mental. Un lixo ideolóxico que contamina moito a percepción que a xente ten dese proceso, e que o contaminan dun xeito moi tendencioso para meter medo, asustar, manipular… Ou ao mellor sen ningunha desas intencións, pero o resultado é moi pobre como debate e como produción intelectual. Falo en xeral, pois eu tamén saquei cousas moi valiosas dos foros de nais e de pais, por iso tamén me metín.
Utilicei a maternidade para pensar sobre certas tendencias discursivas do noso mundo. Creo que isto non é privativo da maternidade, o que pasa é que isto é unha experiencia tan forte e que afecta a tantas persoas dunha maneira tan intensa que todo se ve moi potenciado. Para min foi un campo de probas para unha exploración case sociolóxica na que era investigadora e participante, e na que atopei moitos indicios para entender en que tipo de sociedade estamos e o xeito tan pouco amoroso e sensible no que usamos ás veces as palabras. Porque as palabras poden servir para unirnos, pero tamén para censurar, para xulgar, para meter medo… (…)”