Premios da Crítica de Galicia 2023

Os premios Follas Novas do Libro Galego 2023 anuncian os seus finalistas

Os premios Follas Novas do Libro Galego, que valoran a produción literaria e editorial en Galicia durante o ano 2022, escolleron os seus finalistas para esta oitava edición que suman trinta e nove candidatos/as entre títulos, iniciativas, proxectos e profesionais. As gañadoras dos premios Follas Novas 2023 daranse a coñecer na gala a celebrar o vindeiro 22 de abril no Teatro Principal de Compostela. Os premios están organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e a Xunta de Galicia.

As trinta e nove obras finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso de selección de catro fases e que supón unha lectura e valoración completa de toda a produción editorial galega. O proceso supón unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que supuxo a selección dun cento de títulos entre os publicados ao longo de 2022. Dese conxunto de obras, o xurado desta edición fixo unha primeira escolma da que resultaron escollidas as candidatas en cada categoría. A terceira fase de selección é a actual, na que o xurado escolleu as obras finalistas por cada categoría. O proceso terá o seu cumio o sábado, 22 de abril de 2023, co anuncio das obras, iniciativas e profesionais gañadoras. Nese día celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela a xa tradicional gala de entrega de premios Follas Novas do Libro Galego.

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Daniela Ferrández Pérez. Edicións Xerais de Galicia
A música das palabrasDarío Xohán Cabana. Edicións Xerais de Galicia
Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianzaMaría do Cebreiro. Editorial Galaxia

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempoMarilar Aleixandre e Emma Pedreira. Editorial Galaxia
O libro negro da lingua galegaCarlos Callón. Edicións Xerais de Galicia
Memoria diversaEva Mejuto. Deputación da Coruña

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
Non penses nun elefante rosaAntía Yáñez. Edicións Xerais de Galicia
O tradutor de sombras. Moncha Fuentes. Edicións Xerais de Galicia
Os seres queridosBerta Dávila. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA INFANTIL
Animalario de ler a diarioEduard Velasco (autor), Nuria Díaz (ilustradora). Edicións Xerais de Galicia
O gran libro da nosa horta. Blanca Millán. Edicións do Cumio
O neno de lumeLedicia Costas (autora), Iván R. (Ilustrador). Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA XUVENIL
A ladroa da biblioteca de Meirás. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia
A lebre mecánica. Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia
Que me pare o corazón se te esquezoAndrea Maceiras. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Cando leo. Bea Gregores, (autora, Eva Mejuto). Edicións Xerais de Galicia
Verme. Federico Fernández. Germán González. Kalandraka Editora
Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco correnteRamón D. Veiga (autor), Iván R. (ilustrador). Edicións Embora

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Miñoca e pega. Iván R., Ramón D. Veiga. Edicións Xerais de Galicia
Pequena historia de Vigo. Pedro Feijoó, Xosé Tomás. Edicións Embora
Roxín Roxal. A daga do conde. Manel Cráneo e Brais Fierro. Demo Editorial

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero). VV. AA. Edición de Marta Dacosta. Chan da Pólvora Editora
Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
Entre leiras e labores (antoloxía verbo-visual de autoras galegas). VV. AA. Edición de Inma Doval Porto. Editora Urutau

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Carol. Patricia Highsmith / Traducido por María Alonso Seisdedos. Kalandraka Editora.
Léxico familiar. Natalia Ginzburg/ Traducido por María Alonso Seisdedos. Editorial Laiovento
O verán en que miña nai tivo os ollos verdes. Tatiana Țîbuleac / Traducido por Andreea Birsanu. Rinoceronte Editora

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
BarrocoAntía Otero. Apiario
MateriaYolanda Castaño. Edicións Xerais de Galicia
Montaña Ioga. Lupe Gómez. Edicións Espiral Maior

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
As alumnasPaula Carballeira. Editorial Galaxia
Chévere (1987-2022).Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
Estrela… fugaz? Carlos Labraña. Editorial Galaxia

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
Barroco. Antía Otero. Apiario
Chévere (1987-2022), Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora
CriptografíasPepe Cáccamo e Baldo Ramos. Alvarellos Editora

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Canle de Youtube de Neeumatiko
Surfeando libros
Traballadoras das Bibliotecas Municipais da Coruña

María do Cebreiro: “Parece incrible que para algo que leva estando aí dende que o mundo é mundo tamén vaiamos necesitar o algoritmo”

Entrevista de Ana González Liste a María do Cebreiro en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que decide xogar coa ironía no título?
– María do Cebreiro (MC): Eu creo que o humor é un recurso non demasiado explorado no pensamento crítico pero moi valioso. De feito, creo que na totalidade do libro o é. Quizais non a ironía e o sarcasmo, que si se ven no título, pero si outros tipos de humor, a parodia, para buscar a complicidade dos lectores a través deses guiños porque creo que o libro lle pedía bastante aos lectores a nivel de uso dun determinado aparato conceptual, dunha tentativa de rigor analítico… Entón, eu quería que ese modelo de crítica que está moi presente ao longo de todo o ensaio, ao mesmo tempo se vira acompañado desa outra lixeireza que son como cambios de ton, que diría que axudan tamén a facer máis amena a lectura e a non plantealo todo desde o enfado. Porque a nosa época tende moito a iso, dá a sensación de que todo o mundo está enfadado todo o tempo. Para min o sorriso é totalmente compatible coa filosofía, co pensamento, aínda que moitas veces non se vexa así.
– P: Avanza no limiar por que apostou polo ensaio en lugar da auto-ficción para abordar a maternidade e coa lectura do libro parece que en gran medida foi para fuxir deses “excesos retóricos do sentimentalismo” que tamén apunta.
– MC: Totalmente. Penso que no libro hai dúas dimensións: unha de crítica aos modelos maternofiliais no neoliberalismo impostos un pouco por esta sociedade de consumo, que é realmente o núcleo duro, pero logo hai outro tipo de reflexións que son máis poéticas e máis a futuro porque a min tamén me preocupaba moito escribir unha crítica na que non houbera esperanza. Eu penso que cando un fai unha crítica tamén está case obrigado –ou invitado, polo menos– a propoñer outro mundo posible, creo moito niso e dende que son nai, máis. Creo que para moitas mulleres seren nais é como un brinde ao futuro, un amor ao que a vida pode chegar a ser, máis alá do que o mundo é; case como unha tensión entre o mundo e a vida. Unha amiga miña que non é nai dicíame que non sabía por que traemos fillos ao mundo e eu contesteille: traémolos á vida, non os traemos ao mundo. Se os quixésemos traer ao mundo non os quereríamos traer porque non somos parvos ninguén, sabemos como son as cousas, pero ao final no desexo maternal hai un elemento tamén de confianza e esperanza.
Entón, esa outra dimensión do libro, a máis esperanzada, expresouse dunha maneira máis poética e menos analítica e, polo tanto, máis confesional. Pero, dado que creo que no libro predomina máis a parte analítica, creo que é así porque faltaba. Eu creo que faltaba un discurso sobre a maternidade a favor da maternidade, non en contra, feito dunha maneira rigorosa e analítica, case científica en certo sentido. É certo que nos últimos hai tanto moitos libros celebratorios da maternidade escritos dunha maneira máis confesional, moitos deles feministas e moi interesantes; como tamén hai moitos libros científicos e académicos cuestionadores da maternidade. Quixen buscar un xeito de falar desde o rigor a favor da maternidade. Por suposto, en contra de moitas realidades que a rodean, pero a favor dese compromiso coa vida que implica a maternidade.
– P: No libro dálle voltas a que existe un “xiro discursivo” sobre a maternidade, relacionado intimamente co sistema capitalista no que vivimos, onde entran tamén as redes sociais. Cando decide se quere formar parte dese “xiro discursivo” ou non e como o enfoca para poder contalo?
– MC: Eu vía que había unha produción verbal extensísima pouco coidadosa coas palabras e coa propia vida. Pensaba que un fenómeno como o da maternidade, que é tan marabilloso, que nos transforma tantísimo e que moitas das que o habitamos xa non concibimos a nosa vida sen ser nais, como vén acompañado de tan mala produción discursiva? Hai moito lixo e molestábame pola súa carga ideolóxica, non é unha cuestión elitista de valor –hai literatura boa e literatura mala– senón de lixo mental. Un lixo ideolóxico que contamina moito a percepción que a xente ten dese proceso, e que o contaminan dun xeito moi tendencioso para meter medo, asustar, manipular… Ou ao mellor sen ningunha desas intencións, pero o resultado é moi pobre como debate e como produción intelectual. Falo en xeral, pois eu tamén saquei cousas moi valiosas dos foros de nais e de pais, por iso tamén me metín.
Utilicei a maternidade para pensar sobre certas tendencias discursivas do noso mundo. Creo que isto non é privativo da maternidade, o que pasa é que isto é unha experiencia tan forte e que afecta a tantas persoas dunha maneira tan intensa que todo se ve moi potenciado. Para min foi un campo de probas para unha exploración case sociolóxica na que era investigadora e participante, e na que atopei moitos indicios para entender en que tipo de sociedade estamos e o xeito tan pouco amoroso e sensible no que usamos ás veces as palabras. Porque as palabras poden servir para unirnos, pero tamén para censurar, para xulgar, para meter medo… (…)”

María do Cebreiro: “O neoliberalismo quere rachar coas redes que tecemos ao ser nais”

Entrevista a María do Cebreiro na Televisión de Galicia:
“Poñer no foco o tema da maternidade é en si mesmo un acto de valentía. Calquera debate arredor deste tema suscita sempre opinións moi diversas e moi polarizadas. Di María do Cebreiro Rábade neste ensaio sobre maternidades virtuosas, que, para exercer os roles de crianza, as nais deben converterse, simultamente, en nutricionistas, pediatras, asesoras, de sono, asesoras de lactación, psicólogas, coaches emocionais e neurocientíficas. A entrevista pode verse aquí.”

María do Cebreiro: “A maternidade é unha experiencia tan forte que me obrigou a escribir para poder aterrala”

Entrevista de Clara Rial a María do Cebreiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace Maternidades virtuosas?
– María do Cebreiro (MC): Nace xunto á nena, como quen di. O proceso de escrita estivo moi condicionado pola maternidade, aínda que eu, en xeral, teño unha forma de escribir bastante impulsiva e pouco premeditada. É dicir, teño moitas temporadas de barbeito e de repente as cousas cando agroman parece que xa estaban escritas na cabeza.
É unha cuestión relevante porque cando nace a crianza hai moi pouco tempo para poder escribir. Mais tiven a sorte de que, a través de todas as reflexións me ían pasando pola cabeza durante o embarazo, foron saíndo cousas nas que levaba un tempo matinando. Realmente foi un proceso moi rápido e ao mesmo tempo moi fragmentado, por ese motivo. Moitas das cuestións xa as levaba escribindo, dalgunha maneira, desde hai moito tempo.
– ND: Xorde entón da súa propia experiencia como nai?
– MC: Por suposto. Era un tema que nunca me tiña tentado e tampouco era lectora de reflexións sobre a maternidade. O que ocorre é que é unha experiencia que te atravesa dunha maneira tan forte, tan revolucionaria e tan radical que case me obrigou a escribir para poder aterrala.
– ND: Que temáticas atopamos na obra?
– MC: O meu libro é un ensaio crítico sobre a maternidade, sobre a crianza. Non é exactamente unha obra en primeira persoa, pero tampouco me despeguei dela. É dicir, fun ao ensaio consciente de que non quería facer trampas, de que quería asumir o feito de que o meu interese pola cuestión viña dado pola miña propia experiencia. De feito, iso atravesa moita da escritura sobre a maternidade, ese elemento do xogo co “eu”. Trátase dun “eu” en construción, posto que cando un cativo nace, non só nace un cativo, senón que nacemos nós como nais e, polo tanto, tamén precisamos escribir para comprendernos. Sexa por medio da escrita, do pensamento, da creatividade ou do que sexa.
En realidade, é un ensaio crítico sobre a crianza no neoliberalismo. Busca describir como unha serie de procesos, que eu entendo que pertencen á vida íntima, foron, hoxe en día, coartados polos dispositivos do neoliberalismo no mundo do traballo, particularmente no mundo da empresa. Aparentemente son cuestións antagónicas, pero en realidade, a característica do neoliberalismo neste momento é coartar a vida íntima das persoas. Vou estudando unha serie de trazos e de mecanismos da crianza contemporánea, que mesmo moitas veces se venden como mecanismos progresistas, e vou tratando de facer visíbel até que punto obedecen a dispositivos do réxime neoliberal. Como se transvasan ferramentas do neoliberalismo empresarial e do traballo ata esas íntimas da crianza. É unha denuncia crítica diso.
– ND: O movemento feminista, entón, tamén toma presenza?
– MC: Por suposto, é inevitábel. O feminismo é o lugar desde o que está escrito o libro, sen dúbida algunha. Calquera reflexión crítica e consciente sobre a maternidade penso que ten que ser unha reflexión feminista. Case diría que é imposíbel facelo doutra forma. Esa crítica tamén se articula desde a perspectiva crítica ao neoliberalismo. Digo isto, porque tamén hai un tipo de feminismo liberal que está totalmente integrado no réxime e que é un tipo de feminismo moi particular.
– ND: Cre que, a través deste tipo de premios, as figuras femininas están a ser máis recoñecidas hoxe en día?
– MC: A min sempre me gusta dicir que, na Galiza, iso non é nada novo. Eu penso que o discurso feminino e feminista é dominante e foino durante momentos representativos da nosa historia. Isto non significa que non haxa motivos para loitar, porque os temos a diario. Pero no plano intelectual e cultural, a Galiza é un modelo de produción dun espazo de pensamento e de creatividade moi marcado desde o xénero feminino.”

María do Cebreiro gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021

Desde Galaxia:
“A obra Maternidades virtuosas, de María do Cebreiro Rábade Villar, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse o día 21 de decembro de 2021, ás 11 horas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Santiago de Compostela.
O ensaio premiado nesta edición do Premio Ramón Piñeiro, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.
O xurado valorou especialmente o traballo por facer unha achega accesible a todos os públicos sen perder o rigor intelectual sobre como os cambios sociais, o capitalismo, o contexto tecnolóxico e os cambios no coñecemento están intervindo a experiencia da maternidade. A autora conecta a quen le coas últimas tendencias en pensamento feminista e coa actualidade, deixando que alcance as súas propias conclusións sobre o tema
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Dona María Alonso Alonso, Don Javier Barcia González, Dona Raquel C. Pico, Don Lois Oreiro e Don Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.”