Entrevista a Xosé Monteagudo no Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Fala, ao final do libro, da “chispa” que o leva a elixir as historias.
– Xosé Monteagudo (XM): Ao longo do tempo un vai escoitando ou lendo historias que son moi interesantes, pero como escritor, moitas veces, non sinto a necesidade de poñerme a escribir sobre elas. No caso desta novela, por exemplo, o personaxe de Bibiano resultábaba unha referencia atractiva, pero faltaba algo que me motivara profundamente a escribir unha novela sobre el. Esa chispa xurdiu cando descubrín a historia de Josefina, a súa dona, que era unha historia en xeral moi descoñecida. Cando dei con ela, decaiteime de que aí realmente había unha novela. Entón, aínda que tardei algún tempo en poñerme a escribila, desde ese momento estaba convencido de que ía a escribir esta obra. Iso é o que se define un pouco como a chispa creativa: algo que, cando xurde, atopa a esencia da novela que queres escribir. É cando sinto esa efervescencia creativa.
– DP: Á hora de novelar, marcou algún límite entre realidade e ficción?
– XM: Hai feitos esenciais, relevantes nas vidas deles, dos que non podía escapar nin tampouco falsear. Unha vez collida a liña argumental, si que nos pequenos detalles, en determinadas cousas que non son relevantes para a historia pero si para a novela, a obra está moi ficcionalizada. Ao fin e ao cabo, eu constrúo os personaxes a partir deles como realidade. Creo que isto sucede nas novelas que relatan historias baseadas en persoas reais: ficcionalízanse moitas cousas, engádense detalles que os realzan, que dan unha relevancia ao que eles foron. A historia non pode saber moitos dos detalles que rodearon aos seus feitos máis relevantes. Esa é a parte onde entra o traballo do escritor, do novelista.
– DP: Hai moita diferenza entre ficcionar unha vida real e unha creada?
– XM: Nas miñas novelas sempre trato de poñerme na situación dos personaxes. De ver como reaccionan: que poden pensar, que poden sentir, que poden desexar ante cada momento. Cales poden ser as súas pretensións máis íntimas en cada situación na que se encontran. No caso dunha historia ficticia, un pode desenvolver feitos relevantes conforme ao que lle pide a súa imaxinación. Nesta novela, sen embargo, non podo poñer feitos relevantes que non sucedesen. Se non foran persoas reais, desenvolvería moitos dos acontecementos doutra maneira, pero tiña un fío argumental do que non podía afastarme. (…)”