Entrevista a Antón Baamonde en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): A tese que defende no seu libro parte de que Galicia debe pensarse a si mesma como unha soa cidade, superando os localismos. Non parece fácil romper con séculos de consolidación da Galicia dos marcos e as leiras.
– Antón Baamonde (AB): No libro comezo dando uns apuntamentos dos procesos de urbanización mundial. En 2008, máis da metade da poboación do mundo pasou a ser urbana. Ese é o proceso que se viviu no século XX e que seguirá vivíndose no XXI. Non se trata xa de que se crean cidades, senón megaurbes, con millóns de habitantes na súa contorna. Fago ese apuntamento para enmarcar a situación de Galicia: é un territorio que está a perder poboación, un problema demográfico con transfondo económico, non hai postos de traballo apetecibles e os mozos formados emigran. É un país que, a pesar de ter certa riqueza e ser urbano, está nunha curva de descenso. Ao final, do que se trata é de que a economía sexa potente, e unha posible oportunidade de crecemento económico é aproveitar a trama urbana de Galicia das sete cidades, un modelo policéntrico urbano que non se parece ao da España centralista con organización radial, senón que se parece máis ao modelo holandés: un armazón de cidades ben comunicadas, sobre todo por tren. Doutra banda, a economía galega é moi aberta e cun peso do sector primario moi pequeno. Se quere competir ten que pensar as cousas a outra escala. Por exemplo, como fan os portugueses, que teñen toda a política de Estado dirixida a iso.
– EP: Xorde aí outra das bases das súas propostas, aproveitar as sinerxias co norte de Portugal.
– AB: Si. Se colles o mapa da Península, ves que a poboación está no centro e nos eixos costeiros, particularmente no Mediterráneo. Todo ao redor de Madrid e a súa contorna é un deserto demográfico. Pero do eixo atlántico fálase menos que do mediterráneo, desta continuidade sociolóxica, económica e demográfica. Moitas empresas de Vigo están realmente situadas no norte de Portugal e Portugal é o principal investidor estranxeiro en Galicia. Hai que dar continuidade urbana desde Ferrol ata Porto porque, de feito, as relacións son xa enormes. Hai que requerir de quen corresponde, do Estado, os investimentos correspondentes para logralo. (…)”