Entrevista de Laura Veiga a Manuel Esteban en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como comezou a historia de Setestrelo?
– Manuel Esteban (ME): Como todo o mundo sabe, porque xa é un lugar común, eu comecei a escribir con A ira dos mansos inspirándome na miña vivencia cun fillo maior que ten síndrome de Down. Mais eu teño dous fillos e, aínda que o máis novo era moi pequeno cando isto ocorreu, chegou un momento no que confluíron esas dúas circunstancias: a de pai e a de escritor. Nós liamos xuntos desde que el era moi pequeno, e chegou un punto no que el me miraba preguntando se eu non podería escribir para el un libro así. E de feito, Setestrelo é un libro que case podería dicir que comezamos a escribir medio man a man.
Tamén teño que confesar que o inspector Manso é un personaxe moi atormentado e eu como escritor tiña ganas de deixalo descansar. Por iso me pareceu a ocasión ideal para escribir algo máis destinado ao público xuvenil. O que ocorre é que supoño que o tormento está dentro de min, porque ao final un tampouco pode librarse do que é.
– ND: Como foi ese proceso de escrita xuntos?
– ME: El daquela non tiña nin dez anos, así que participou o que participou. Eu ía escribindo e léndolle e el ía dando a súa opinión e aportando pequenas suxestións. É un libro, na capa máis superficial, de ciencia ficción, é unha especie de space opera para a cativada onde hai unha parte de imaxinar os seres que poboan a nosa Vía Láctea. Aí participaba el coa súa imaxinación de neno e me axudaba a tirar ideas para esas creacións. Tamén era o supervisor do proceso, porque ía sendo o meu lector cero a medida que eu ía escribindo.
Aínda que está pensado para os 12 ou 13 anos, eu non fago ningunha concesión: falo de astronomía, computadores, telescopios, linguaxes de programación, física cuántica, partículas entrelazadas… Mais debaixo dese pano tamén hai ese tormento que comentaba, un certo desacougo que vai comigo. O que quixen plasmar foi ese transo fermoso, misterioso e por veces doloroso que vai desde a infancia até a adolescencia, que non deixa de ser a antesala da vida adulta.
É algo polo que pasamos todas as persoas, mais que non é doado. É un paso complexo e cheo de contradicións e no que tamén poño un pouco enriba da mesa cousas que apreciei cos meus fillos.
Os seres humanos somos animais gregarios e debido a iso e a certos patróns, entendo que de supervivencia, tendemos a premiar a conduta adaptativa. A parte mala é que tendemos a castigar o diferente, o disruptivo. Diso é algo que tamén falo en A ira dos mansos. Tendemos a domesticar: o monte, a auga, os alimentos, os animais… (…)”