Xosé Luís Méndez Ferrín: “Temos que reivindicar o dereito a estar continuamente repasando e revisando as nosas ideas”

Entrevista de Ana G. Liste a Xosé Luís Méndez Ferrín en Praza:
“(…) – Praza (P): Escribir foi sempre unha necesidade?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Si, unha vocación, un desexo. Aínda que a miña vocación inicial foi científica. Non fun biólogo, ou naturalista, porque se me daban moi mal as matemáticas e tiña que facer o preparatorio de ciencias, senón teríame dedicado a iso.
– P: Esa inquietude pola natureza aparece na súa obra.
– XLMF: Claro, ás veces se escapa. Está aí encapsulada, pero aparece.
– P: Non pode montar a cabalo, pero segue indo por Vilanova dos Infantes?
– XLMF: Vou algunha vez, si.
– P: Alí semella que non pasara o tempo.
– XLMF: É que non pasa. Vilanova é unha vila moribunda. Eu coñecina xa en decadencia, pero é unha parte moi importante da miña vida e da miña infancia.
– P: Lembra moito a época da infancia?
– XLMF: Procuro non facelo porque me dá moita pena.
– P: Querería regresar?
– XLMF: Si. É unha perda moi grande. Había cousas horrorosas, pero a miña infancia foi cojonuda, como a de todos os rapaces, salvo os que tiveron a desgraza de ser maltratados.
– P: Como lle senta que a xente se siga achegando á súa obra e a converta en teatro, videoxogos ou películas?
– XLMF: Para iso escribín, para que alguén o lese. É como tirar unha botella ao mar cunha mensaxe, que non sabes onde vai parar, igual rompe ou pérdese. (…)”