Entrevista a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): A guerra de Siria xa estaba presente en O paraíso dos inocentes. E outros conflitos bélicos estaban noutras das túas novelas anteriores. Por que volve a guerra como cuestión de fondo en Días de intemperie? Como foi o proceso de escrita?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Dende hai un tempo, todo o que escribo ten un horizonte meditado e concreto. De feito, algún destes relatos xurdiron de encargas para libros colectivos, pero no intre da escrita, aínda que haxa unha distancia temporal entre eles, xa estaban pensados para un mesmo libro, cunha unidade temática que funcionase como tensor de todos eles. Así mesmo, quería que varias obras como As rulas de Bakunin, Laura no deserto ou O paraíso dos inocentes, dalgún xeito, formasen parte desa preocupación. Iso si, a miña teima nos catro libros fica reducida en exclusividade á esfera humana e non ás grandes estruturas das guerras.
Visto en perspectiva, non me cabe dúbida de que foron estes catros libros os que máis me fixeron medrar como autor e como persoa, porque, o mesmo que ninguén sae indemne dunha guerra, eu tampouco o fago da escrita. As implicacións emocionais que tiveron estes textos, así como o traballo de documentación e o contacto con persoas que sufriron directamente os conflitos, foi a parte máis intensa do proceso porque son textos xurdidos ás máis das veces da dor, que adoita ser a mellor aprendizaxe.
– P: O primeiro relato, Un anxo de mármore, ten como fondo a guerra de Ucraína. Unha neta coida da avoa, que vive nunha fantasía para soportar a realidade. Como xorde o personaxe da neta?
– ARC: Antes cumpría certa perspectiva temporal para contarmos un suceso como pode ser unha guerra. Había que xuntar información, escoitar testemuños e análises de historiadores. Agora, as guerras son narradas en tempo real, mesmo polas vítimas, e iso, aínda que nos horrorice, é unha ferramenta incrible se queremos escribir e actuar, porque como dicía Kapuscinski, escribir sobre unha guerra é unha forma tamén de intervir nela.
Neste relato en concreto quería tratar dous temas. Un deles, o tema dos coidados que, nunha guerra, pode dar unha razón para resistir e ademais ten en si a súa propia recompensa para quen os practica. E outro sería o tema da loucura porque a destrución estraga as condicións de vida das persoas e todo iso xera graves problemas na saúde física e mental. Aquí, coma en moitos outros textos, a loucura convértese nun escudo contra a realidade e quería reflexionar sobre como a inseguridade, a dor, a inquietude e incerteza, a ansiedade e o medo, minan calquera estado de ánimo e provocan trastornos psiquiátricos nunha altísima porcentaxe da poboación inocente que se ve atrapada moitas veces nun fogo cruzado e o perde todo, a parte material e tamén os seres queridos, a identidade, o traballo ou bens coma o fogar que teñen un alto valor simbólico.
– P: Hai varios relatos relacionados coa guerra civil española. Un deles é Troski, sobre un can que muda de dono. É unha historia de morte e represión contada con elipses, na que todo se entende pero nada se exhibe. Foi consciente o de contar así algunha destas historias? Por que?
– ARC: Aínda que ás veces hai certa inconsciencia cando escribes, neste caso forma parte dunha estratexia porque as elipses teñen o seu aquel de economía e son unha boa ferramenta para facer avanzar as historias e acadar unha complicidade lectora que encha eses espazos suxeridos. Ademais, hai que pensar que quen nos le adoita ser máis intelixente ca nós e, se non o é, temos que intentar facerlle crer que si o é. (…)”