Entrevista de Moncho Mariño a Luís Álvarez Pousa en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): No teu libro apuntas á “industria da informacíón” nun contexto como o actual onde conviven medios “tradicionais” e as novas plataformas online. Estase producindo un traspaso desde os medios “tradicionais” ás novas empresas?
– Luís Álvarez Pousa (LAP): A industria da información deberase entender desde o punto de vista de que a información está producida por empresas cun obxectivo, ter beneficios, como calquera outro tipo de empresa. As novas tecnoloxías trouxeron novas plataformas como Amazon, Google ou Facebook ou Twitter que entraron no campo da produción de información cos mesmos obxectivos de carácter económico. Así pois, tamén forman parte da industria da información. (…)
– GC: Hoxe está en boca da maioría o fenómeno da Intelixencia Artificial, mesmo hai científicos que traballaron neste campo avisando do perigo para a emisión de información que pode ter a IA. Ves a IA como un perigo e mesmo unha fonte de desinformación?
– LAP: Digamos que a Intelixencia Artificial, o mesmo que cando falabamos no seu momento do fenómeno internet, vai ser boa ou mala dependendo de como se utiliza. Potencialmente, e relacionado co mundo da información, é un perigo a falta de regulación sobre ela en diferentes campos sobre os que se pode aplicar. No caso da información, paréceme moito máis grave que non estea regulada por lei, pois isto incentiva o que a IA está sendo xa, aquilo denominado postverdade. É dicir, a facilidade dos novos mecanismos tecnolóxicos, neste caso da IA, que poidan funcionar recreando mundos virtuais á marxe da mente humana. Se estamos xa nun xogo de postverdades no sentido de que todo aquilo facilitador da emoción é o máis consistente e por tanto, debemos esquecer poder vivir coa verdade e buscando a verdade das cousas, coa IA dentro dos medios de comunicación podemos estar multiplicando esa falsa realidade. Á parte, esa falsa realidade pode chegar a nós sen darnos de conta, sen sabermos que é ficción e que é real. Por tanto, estaremos nas mans das máquinas e estaremos malvivindo.
– GC: Os gobernos, sobre todo nos países occidentais, teñen suficiente poder para frear tanto os conglomerados como oligopolios empresariais detrás de grandes medios?
– LAP: Os gobernos teñen o poder que lles dá a sociedade aos poderes públicos para lexislaren en calquera sector onde estea en xogo a calidade da democracia e dos bens públicos. Mais eses poderes públicos durante moito tempo facilitaron que hoxe en día, dentro do mundo da comunicación, se formasen grandes conglomerados de empresariais con poderes ás veces maiores que o dos mesmos estados e iso é un perigo moi grande. Son grandes corporacións infiltradas por poderes económicos e de carácter financeiro que reduplican ese poder. Por exemplo, nos consellos de administración de moitos medios actuais en España están presentes como accionistas e con capacidade para impoñer unha liña editorial, representantes de bancos entre outros, por tanto, considero que os gobernos teñen por diante unha tarefa difícil. Mais chegou un momento en que é tan visible ese contrapoder externo á propia dinámica democrática é á propia vida política que é necesario paralo. Para iso, os gobernos deberan facer aquilo que a cidadanía lles damos a oportunidade de facer, regular ese campo. (…)”