Entrevista a Antón Cortizas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A soidade non desexada vémola no protagonista do relato, que pasa os días sen socializar. Que medidas se poden tomar ante esta situación que sofren diariamente tantas persoas?
– Antón Cortizas (AC): É unha pregunta que pode ter centos de respostas. De quen ti ben sabes foi escrito como unha situación que moitas persoas padecen e que vemos a miúdo cando andamos pola rúa. Hai moitas solucións, desde a axuda externa doutras persoas que contribúen a que soidade non te venza, até a propia decisión persoal de non deixarse vencer pola soidade.
Desde o punto de vista público e colectivo, cómpre evidentemente satisfacer tamén a través de organismos e asociacións a necesidade que temos de relacionarmos uns cos outros e pasar o tempo en colectividade porque somos animais colectivos.
– ND: Inspirouse nalgún caso que coñeza para elaborar a historia que artella o relato?
– AC: Non. O sentimento de soidade podemos telo calquera persoa moitas veces. Sentímonos sós a miúdo. Isto non é porque non teñamos ao noso redor xente que queiramos e que nos queira, senón que ás veces a soidade tamén se pode percibir nunha persoa sociábel que non se sinta acompañada. En moitas ocasións vemos que hai xente que está en momentos difíciles incluso dentro do seu ámbito familiar.
Para min é unha xeneralidade, para construír a historia tomei como referencia impresións que podo ter cando vou paseando só por onde sexa. Moitas veces tampouco tes a persoa adecuada para que te acompañe a todas partes en todo momento. (…)”