Entrevista de Laura Veiga a Xosé de Cea en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xurdiu Coímbra?
– Xosé de Cea (XC): Abordar a miña infancia e a miña adolescencia a través da escrita é unha teima que teño desde que decidín dedicarme á literatura, a comezos dos anos noventa. Sen chegar a ser algo obsesivo, si que foi unha pulsión latente ao longo dos anos que tentei expresar a través de poemas soltos e relatos de ficción que nunca cheguei a publicar. Hai un par de anos, dei coa chave para escribila: renunciar á ficción e enfrontarme aos feitos esenciais daquela etapa da miña vida desde a verdade descarnada, sen enfeites nin disimulos. Desde ese punto de vista, Coímbra foi unha obra para min reveladora, terapéutica, que me axudou a verbalizar unha realidade interior, a do desarraigamento, coa que nunca me enfrontara.
– ND: Por que enfocar esta historia cara ao público adulto?
– XC: Non foi unha decisión meditada. Simplemente, dei resposta a unha pulsión, como xa dixen. O que si me serviu a escrita de Coímbra foi para constatar que, ao non ter en conta a idade dos lectores e das lectoras potenciais, un escribe cunha maior liberdade. Traballar textos para mozos e mozas dunha determinada idade obrígache a adaptarte ao seu nivel de comprensión lectora e ao seu universo mental e cultural, condicionando moito o proceso creativo. (…)”