Entrevista a Ana Cabaleiro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Estase a voltar a un patrón de relacións dependentes e mesmo tóxicas logo de anos onde precisamente se puña en valor o contrario?
– Ana Cabaleiro (AC): Non creo que haxa dous momentos diferentes. Quero dicir, penso que hai que pór en valor a independencia nas relacións, isto depende tamén de ter os medios posíbeis, e sobre todo de que a liberdade individual sexa respectada.
Hai realidades que non van parellas co que defendemos. Non é cuestión do que defendemos ou deixamos de defender na literatura. A min gustoume sempre traballar coa fenda, con esa fenda que contrasta coa tendencia do que sería o ideal. Cando falo de empoderamento feminino ou cando falo de feminismo, falo moitas veces de ideais que teño como persoa feminista.
Cando escribo, escribo sobre cousas que lastran o meu día a día. Quero dicir, escribo sobre cousas que permanecen e que non fan posíbel que o ideario que teño a nivel persoal se realice.
– ND: A protagonista realiza o Camiño de Santiago para escenificar un novo comezo e conectar novamente consigo mesma, por que o Camiño?
– AC: Por un lado porque o Camiño é realmente un tipo de viaxe totalmente diferente do habitual, é dicir, é unha forma de viaxar que se pode facer de moitas maneiras pero que se saía do común.
Elixín precisamente o Camiño porque se deturpou e a maneira que hai actualmente de facer o Camiño perdeuse en moitos sentidos. Supoño que é posíbel facelo en certo silencio, e de maneira individual, pero está francamente masificado, mercantilizado e ao servizo do capitalismo, e está ao servizo incluso das viaxes organizadas que son o contrario ao espírito do Camiño, dunha peregrinación. Por iso eu quixen meter o Camiño como unha toma de distancia física e real e tamén como contraposición do que se converteu o Camiño nos últimos tempos. (…)”