Entrevista de Laura Veiga a Héctor Pena en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace a historia de Ester?
– Héctor Pena (HP): Está inspirada nunha personaxe real, Irene González, a pioneira do fútbol feminino na Galiza. Ela comezou a xogar a comezos do século XX, mais por desgraza tivo unha vida bastante breve a causa dunha tuberculose pola que morreu cando aínda estaba despegando a súa carreira. Eu coñecín a súa historia arredor de 2012 pola man de Eladio Muíños, un señor que investigou moito sobre a historia do Real Club Deportivo da Coruña, cando eu me estaba documentando para un futuro libro sobre o Trofeo Teresa Herrera. Aí foi cando decidín que igual podía facer unha novela histórica proxectando un pouco a esencia da personaxe, porque o certo é que o único que teñen en común Irene e Ester é que son mulleres que xogan ao fútbol na Coruña.
Con todo, pareceume unha base moi sólida para poder construír todo un relato ao seu arredor. E neste sentido, este é un ámbito de investigación que, afortunadamente, evolucionou moito na última década. Agora é unha disciplina estudada e respectada. Precisamente por este motivo cada vez é máis complexo que aparezan figuras como a de Irene que estiveran agochadas. Eu persoalmente non creo que vaia haber algo como o fenómeno que foi ela, cando menos a curto ou medio prazo.
– ND: Ademais, ten o engadido de ser unha historia pensada para un público xuvenil, polo que tamén pode servir de inspiración.
– HP: Claro. De feito, a cuestión do fútbol é a columna vertebral a través da que se tece a obra, mais como elemento fundamental só o é nun dos capítulos. O resto é a construción dunha historia sobre mulleres, identidades sexuais e represión. Tamén hai un elemento que para min era fundamental que era engadir personaxes que non foran malos ou bos absolutos. No mundo actual todo se mira en branco e negro, non hai unha escala de gris, e por iso eu quixen que na miña novela houbese personaxes aparentemente positivas que non son completamente boas así como outras negativas e desprezábeis que non son malas absolutas.
É dicir, que estas persoas que son malas, chegados a certo punto, poden ter unha chispa de luz, que non diría que é unha redención, mais si que é unha forma de expresar un certo optimismo. Sempre tento ver algo de positividade nas persoas e así tentei compor a novela, engadindo optimismo sobre o xénero humano e a forma de ver a vida. (…)”