Entrevista de Ana Loureiro a María Canosa en Nös Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como comentaba, o relato está baseado na vida do seu avó. Que diferenzas atopa entre escribir sobre a realidade ou inventar outras historias?
– María Canosa (MC): Eu o que máis escribín até agora, aínda que estou comezando a centrarme nas biografías, foi ficción. Na ficción son moito máis libre, nas biografías teño que ser máis fiel á realidade. Para min isto era unha débeda que eu tiña co meu avó. Por unha parte, quería ser exacta co que me contara e buscar entre a miña memoria as anécdotas que nos tiña relatado e, ao mesmo tempo, quería poñerme na súa pel, saber o que sentía. Son consciente de que el nolo contaba intentando evitarnos o sufrimento. Eu quería meterme na súa mente para intentar reflectilo no relato.
– ND: É posíbel atopar elementos positivos na narración de historias tan duras?
– MC: O positivo que se pode sacar é a capacidade de superación que mantivo ao longo da súa vida. Mais en ningún momento está xustificado. A el tocoulle vivir iso e coa situación social que había puido elixir ir á fronte, agocharse, cambiar de bando… Creo que sendo moi consecuente coas súas ideas e co respecto á vida mantívose firme. Ás veces a congruencia si ten unha vía de escape, pero creo que é completamente inxusto o prezo que se lle fai pagar. El puido saír a diante, superalo, formar unha familia e ser feliz porque dentro de toda a traxedia a sorte quíxolle dar unha físgoa de esperanza. O positivo que saquei é iso. O xeito no que foi capaz de agarrarse a un milagre. Mais non está xustificado todo ese sufrimento, toda a dor, a morte dos seus irmáns… Iso non hai maneira de reparalo.
– ND: Un punto importante do relato é a paisaxe. Cre que se coñece a relación entre os lugares da Galiza co franquismo?
– MC: Creo que aínda quedan moitas cousas por descubrir. Creo que se está abrindo ese camiño. Mais penso tamén que estamos no límite. A inmensa maioría da xente que sufriu esa época xa non está. Se foron capaces de transmitilo, quizais algúns descendentes aínda teñen algúns datos, mais cada vez é máis difícil. Quedan moitas cousas por descubrir e non sei se xa estaremos fóra de tempo para poder facelo. (…)”