Entrevista de Ana Loureiro e Xosé de Cea en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Vén de publicar a súa primeira novela para persoas adultas, mais deuse a coñecer como poeta. Cre que condiciona isto o estilo lírico que se aprecia no relato?
– Xosé de Cea (XC): Fascíname o estilo narrativo de autores e autoras que non se limitan a utilizar a linguaxe dun modo puramente prosaico e obxectivo, que infiltran de poesía as historias que contan. Cormac McCarthy, Manuel Rivas, Clarice Lispector… Máis que a miña querenza pola poesía, condiciónanme máis esas influencias.
– ND: É vostede xornalista, a ética e os mitos da profesión resultan algúns dos eixos da historia. Por que?
– XC: Cando asumín o reto de escribir un relato de ficción, souben desde o comezo que debía recorrer á experiencia propia para contar unha historia minimamente críbel. E, se debía tirar de biografía, a profesión xornalística ocupou boa parte da miña vida. Nese senso, ser xornalista de comarcas foi a universidade onde aprendín case todo o que se pode aprender sobre este oficio. Esa posición humilde, nun dos chanzos máis baixos da profesión, foi para min un enorme contraste respecto do xornalismo que practicaban referentes como os correspondentes de guerra.
– ND: Cal cre que é a percepción da sociedade sobre a profesión?
– XC: Supoño que a percepción que se merece. A maior parte do xornalismo que se fai hoxe en día e que consumimos está ao servizo de grandes corporacións empresariais que utilizan a difusión de información como medio para impoñer a súa visión política e económica da realidade. De feito, a polarización que estamos a vivir hoxe en día no eido político percíbese tamén nos mass media, de maneira que o hooliganismo á hora de defender un partido político ou un equipo de fútbol, que veñen sendo dúas modalidades de fanatismo acrítico moi semellantes, tamén a atopamos nos medios de comunicación que escolle á xente á hora de informarse.
En realidade, a maior parte das persoas que consumen os contidos dos medios de comunicación, máis que informarse só buscan mensaxes que reforcen a súa visión da realidade. Dito isto, a percepción que ten a sociedade da profesión xornalística é evidente: Están os medios e xornalistas que din o que quero escoitar, e que para min é a verdade; e están o resto, que son escoura que pretende manipularme a través da mentira. (…)”