En relación coas diversas informacións e opinións aparecidas nos últimos días en varias publicacións nas redes sociais, referidas a feitos nos que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) actuou, cumprindo cos seus obxectivos, a AELG desexa expresar a cronoloxía na que tales feitos se produciron. Esta é a seguinte:
– O 24 de outubro de 2022 recíbese por correo electrónico unha solicitude de Alberto Ramos, escritor e socio da AELG, na que explica que ante a ausencia dun contrato sobre o seu libro recentemente premiado, mais non publicado aínda nese momento, desexa facer unha consulta á asesoría xurídica da AELG.
– Esta solicitude recibe resposta xurídica por parte da persoa que se encarga dese asesoramento o 28 de outubro de 2022. O 8 de novembro de 2022 o autor solicita, mediante correo electrónico, unha aclaración a unha dúbida relacionada coa consulta, que é respondida por parte da asesoría xurídica no mesmo día.
– Na Asemblea Xeral da AELG, realizada presencialmente o 18 de marzo de 2023 en Santiago de Compostela, na quenda de rogos e preguntas, trátase este tema co propio autor, presente na citada asemblea, quen agradece o asesoramento prestado. Estando sen solucionar nesa altura a cuestión contractual que motivou a consulta, e solicitando da AELG o autor interesado que se procure unha solución, o presidente da AELG indica que considera que a mellor maneira de facelo neste caso é poñéndolle de manifesto esta situación á Asociación Galega de Editoras (AGE), como entidade á cal está asociada a editorial da que se solicita o contrato.
– Nas seguintes semanas prodúcese o contacto telefónico entre as presidencias das dúas entidades (AELG e AGE), tendo constancia o presidente da AELG do interese por parte de AGE en buscar unha solución acaída ao caso.
– O 20 de xullo de 2023 a AELG recibe un correo electrónico de Alberto Ramos, onde este solicita facer uso novamente do servizo de asesoría xurídica que lle corresponde como escritor asociado á AELG para que se proceda a unha revisión desde o punto de vista xurídico do contrato que lle achegou a editorial, unha vez estaba xa publicada a obra, despois das xestións realizadas. O 1 de agosto de 2023 ten lugar a resposta da asesoría xurídica ao autor en relación á consulta feita sobre o seu contrato.
Até aquí a cronoloxía dos feitos nos que interveu a AELG en relación con este asunto.
Desde a AELG aproveitamos a ocasión para lembrar que o servizo de asesoría xurídica para temas relacionados coa súa actividade no mundo da escrita está a disposición de todas as escritoras e escritores que forman parte da Asociación. Igualmente, manifestamos o noso firme compromiso coa creación escrita e a súa fundamental achega para a nosa cultura e sociedade, ao tempo que entendemos que debe ser sempre prioritaria a busca das mellores solucións posíbeis en todos os casos que poidan darse, partindo do ineludíbel respecto aos dereitos correspondentes ás escritoras e escritores polo seu traballo.
Finalmente, a AELG quere manifestar o seu compromiso inquebrantábel coas nosas creadoras e creadores, tamén na súa relación cos diferentes axentes do sistema literario galego, promovendo o entendemento entre os mesmos, establecendo canles de comunicación, facilitando a resolución de posíbeis conflitos e contribuíndo ao ben común da nosa lingua e a nosa literatura.