Paula Carballeira: “Na obra reúnense moitas teimas que teño desde sempre”

Entrevista a Paula Carballeira no Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Hai referentes reais –o caso de María Barbeito–. Como foi o labor de contextualización da obra?
– Paula Carballeira (PC): A obra abrangue desde a II República até finais da ditadura, 1970, que é cando morre María Barbeito, mestra destas dúas alumnas, Elvira Fontao e Rosa Lires, ás que se refire o título. Eu nacín no 72 e tiña referencias directas, por exemplo, da miña nai, pero como estamos a falar de antes da Guerra Civil houbo un importante labor de documentación. Con todo iso elaborei un discurso que no referido a María Barbeito non é complicado porque hai obra publicada, pero recrear a época si custa un pouco máis porque, máis alá da figura histórica de Barbeito, o resto son creacións en base ao que eu recollín, o que me foron contando ou o que eu mesma vivín coa miña ollada de nena que, porén, xa non viviu directamente esa época.
– DF: Como definiría a Barbeito?
– PC: Para min fixo un labor revolucinario a nivel pedagóxico. Introduciu unha maneira diferente de entender o ensino e métodos que co paso do tempo se foron instaurando pero que daquela eran pouco menos que revolucionarios: educación mixta, accesible para todas as persoas, alén das clases sociais, que prestase atención a cada persoa e á súa capacidade crítica e creatividade… É un exemplo destas mulleres que caeron no esquecemento coa Guerra Civil. O Comité de Depuración apartouna da vida pública, forzárona a xubilarse e quedou na súa casa, e todo ese traballo cara a fóra quedou silenciado. Aínda resoa algún eco de quen foi, pero moito foise esquecendo, un exemplo do que acontece con moitas mulleres na Historia.
– DF: Como foi o trauma para as mulleres que tiveron a oportunidade de coñecer ese ensino e que co golpe de Estado sufriron a involución?
– PC: Ese é o tema da obra porque as dúas protagonistas da peza, Elvira e Rosa, representan dous camiños distintos que seguiron posibles alumnas de María Barbeito: unha delas seguiu o ronsel da mestra e adicou a súa vida a continuar con esa maneira de entender o ensino a costa da represión, o exilio… Outra decide ir polo outro camiño: quedar na casa e facer o que se espera dela nesa sociedade que se abriu paso despois da guerra.
– DF: Na consecución deste éxito, que papel xogou a súa longa traxectoria como narradora oral?
– PC: Totalmente decisivo. Estamos a falar de artes escénicas que beben das doutras. Nesta peza hai momentos en que as personaxes lle falan ao público e aí a narración oral serviume de moito para conectar con el. A miña traxectoria nas artes escénicas, ademais, fai que entenda o xeito de contar a historia de maneira dramática, mesturando referentes. É unha obra contemporánea porque mestura textos informativos con ficción. Esta peza é resultado desa traxectoria; se non a tivese, non sería posible.”