Entrevista a Xosé Henrique Rivadulla Conde en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como de ben acollido estivo?
– Xosé Henrique Rivadulla Corcón (XHRC): Moi ben. A Fernán Vello coñézoo de hai moitos anos, tiñamos menos de vinte daquela. Falou do libro con palabras sabias e achegouse xente de Carballo e incluso de Muxía. Totalmente grato. Carballo mesmo é importante para min. Coa infancia a cabalo entre A Coruña e Muxía, para ir a Muxía pasabamos por Carballo e tiñamos a tradición de parar a mercar algunha empanada. Por iso e máis éme un sitio de agrado.
– LVG: Chorente protagoniza a obra.
– XHRC: Trata de ser un lugar idílico, que me serve como exemplo para dicir como me gustaría a min que fose a vida e a relación entre as persoas. Non son un ser inxenuo, son realista e sei que non é posible, pero en certa medida si o podería ser, procurando relacións máis humanas. Escribilas é doado, na vida non o é tanto.
– LVG: E Chorente soa a Muxía.
– XHRC: Claro. Chorente é unha aldea na entrada de Muxía. Mais o libro non ten que ver con ela, é unha aldea literaria. Emprego o nome como homenaxe. En case todos os meus libros Muxía ten presenza. O último antes deste, tamén editado por Positivas, titulábase Moraime, pequena vila con mar. As dúas obras teñen certa continuidade, un co outro son libros de relatos que naceron na Radio Galega.
– LVG: A aldea deste libro cre nos soños para facer unha vida mellor.
– XHRC: Neste Chorente todo sae ben, aínda que iso non significa que non haxa problemas, que os hai, e algúns complexos, pero todo se resolve a partir dunha relación humana. O que sucede neste aldea moitas veces ten que ver coa estrutura dos soños, ter soños é o que máis lles interesa aos habitantes de Chorente. Soños de todo tipo, os que se teñen durmindo e os que se teñen como ilusións do que un quere facer na vida. Todo é algo fantástico, algo absurdo, inesperado. Un mundo menos materialista… Non digo que o diñeiro non sexa necesario, digo que non é importante. (…)”