Entrevista de X. Fandiño a Henrique Dacosta no Diario de Ferrol:
“Hai máis de trinta anos viu a luz o primeiro libro de Henrique Dacosta –Ferrol, 1964–, que vén de ser elixido escritor do mes de xaneiro polos seus colegas da AELG. É o recoñecemento a unha traxectoria que abala entre a narrativa e o ensaio e que nunca fuxiu do eixo Canido-Covas para explicar o seu mundo. Porque o local pode ser universal.
– Diario de Ferrol (DF): Que supón para vostede este recoñecemento?
– Henrique Dacosta (HD): É a maneira de darlle visibilidade á túa obra, que a xente indague minimamente no que fixen ou no que estou a facer, porque na web aelg.gal tes acceso a todo tipo de material e de información, desde o meu perfil de investigador dentro do ámbito da filoloxía á crítica literaria ou ao que sería obra de creación, neste caso narrativa.
– DF: En que proxectos está a traballar actualmente?
– HD: Agora estou cunha novela practicamente rematada, en fase de revisión. Dentro do meu perfil, do meu estilo –porque teño que dicir que eu son bastante ecléctico na miña maneira de escribir– podo adiantar que esta se decanta con máis claridade polo xénero policíaco, aínda que sempre dunha maneira pouco canónica.
. DF: Leva publicando desde hai máis de trinta anos. Como cambiou o sector editorial neste tempo?
– HD: Cambiou moito, si, máis que nada nos últimos anos, dende a autoedición, por un lado, até o florecemento de moitas editoras de pequeno tamaño, cousa que me parece positiva. Hai que ter en conta que son os premios os que garanten unha maior visibilidade a todos os niveis. Hai trinta anos falabamos practicamente de dúas editoras hexemónicas e outras que estaban nun plano un chisco máis secundario, por exemplo Laiovento, onde editei os premios do Carvalho Calero: Mar para todo o sempre, Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias e Unha mada de doce relatos. Por outra parte, a literatura galega actual está tamén nese estadio ao que nunca chegara antes, unha literatura máis comercial, de xénero, de máis fácil consumo e accesible. (…)”