Rosalía Fernández Rial: “Nunca foi tan necesario facer un ensino activo e creativo”

Entrevista de María Monteiro a Rosalía Fernández Rial en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En que consiste a proposta didáctica de Mover ficha?
– Rosalía Fernández Rial (RFR): É unha proposta didáctica coa que se pretende que o ensino sexa máis activo, máis comunicativo, que os coñecementos se vinculen entre si de maneira orgánica e natural, esa é a chave, combater estruturas máis ríxidas de pensamento e de ensino.
– ND: Refírese a conectar o ensino de linguas coas performance.
– RFR: Trátase de aplicar as artes ao ensino. O que propoño en Mover ficha é que nas materias de linguas convivan a lingua e a literatura coas artes escénicas, tamén coas artes plásticas e as musicais. Que todo forme parte dun gran proxecto, que o ensino das artes e as linguas se entrelacen e tamén o desenvolvemento dunha sensibilidade cara ás artes e cara á literatura. É unha evidencia que a Intelixencia Artificial está aí, as máquinas e a robótica están aí e o ensino non pode dar as costas a isto. Nunca foi tan necesario facer un ensino activo, creativo e que desenvolva as cualidades humanas.
– ND: Como profesora de linguas, como ve a situación do idioma galego no ensino?
– RFR: As profesoras de calquera lingua debemos ter unha conciencia de normalización lingüística e darnos conta de que a evidencia científica é que temos o privilexio de poder ser bilingües, e temos o privilexio de que a nosa lingua primeira (o galego) nos permita adquirir outras linguas de maneira moito máis doada. O ensino de todas as linguas nunha comunidade como a nosa debería ter un enfoque diferente. (…)”