Ferrín analiza nun novo libro os momentos clave nos que se manipulou a figura de Castelao

Desde La Opinión:
Sempre en Galiza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao está considerada a Biblia do galeguismo. Hoxe, podemos conseguilo sen problemas. Non iremos ao cárcere; non nolo confiscarán; non sufriremos torturas. Mais dende que se publicou en Bos Aires no 1944 ata expirar a ditadura de Franco, portalo podía supoñer acabar entre reixas. A pesar dos riscos, un rapaz de 15 anos chamado Xosé Luís Méndez Ferrín facíase cun exemplar prestado no 1953. Nunca máis prescindiría dos postulados desta catedral de principios. Estes días, chega ás librarías o novo libro de Ferrín, Castelao é noso (Alvarellos Editora) onde expón os momentos cumio nos que se manipulou o legado do histórico galeguista.
Castelao é noso tamén lembra como Ferrín logrou o Sempre en Galiza. Por teléfono, explicaba onte o escritor e exdirector da Real Academia Galega (RAG) o que sentiu ante aquelas páxinas: “Resultoume moi emocionante e incluso perigoso. Era un libro prohibido, ilegal, transmitido de forma clandestina a través de mariñeiros de barcos de liñas regulares que colaboraban na difusión”.
A súa nova obra recompila 13 artigos publicados neste diario entre 2007 e 2020 en No fondo dos espellos. Os textos falan —como sinala no limiar Fernando Ramallo— do “apropiacionismo” da figura de Castelao, “un suxeito político radicalmente republicano, nacionalista federalista, contrario á monarquía” pero que nos últimos anos foi defendido por determinados políticos —Núñez Feijóo, por exemplo— como monárquico. “Castelao era republicano e morreu como tal”, recalcaba onte Ferrín polo teléfono. A continuación, algúns exemplos da usurpación. (…)”