Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras Españolas 2024

Desde Nós Diario:
Manuel Rivas foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas, correspondente ao ano 2024. Segundo trasladou o Ministerio de Cultura, o xurado destacou o autor pola “extraordinaria calidade narrativa que aúna forza emocional e beleza formal e pola solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega. Poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial”.
Ademais, o xurado sinalou que a súa obra “acompaña o seu activismo, cunha pluma que, sen adoctrinamento, axita conciencias, induce á reflexión e estimula o pensamento cara á defensa da pluralidade lingüística e cultural e cara á igualdade de xénero. Manuel Rivas, cunha voz poderosa e singular, crea literatura e, con ela, volve situar a escritura galega no olimpo das Letras Nacionais“.
O premio, concedido polo Ministerio de Cultura, está dotado con 50.000 euros. Distingue o conxunto do labor literario, en calquera das linguas españolas, dun autor español ou autora española, cuxa obra estea considerada como parte integrante do conxunto da literatura española actual. (…)”