Entrevista de Ubaldo Cerqueiro a Francisco X. Fernández Naval en Xornal da Coruña:
“Estas semanas, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, coa colaboración municipal, está instalando novos “stolpersteine” como lembranza ás vítimas do fascismo. Esas lastras douradas que se colocan en rúas de toda Europa que serven para que non esquezamos o noso pasado.
A Coruña é pioneira en Galicia, e no estado, na colocación destas “pedras de tropezar”, como lles chama Chisco Fernández Naval, porque son “discretas, pero visibles e notables, porque están un pouquiño subidas como para que tropeces con elas e te fixes que nesa casa naceu ou creceu unha vítima do fascismo”.
E se A Coruña é a primeira cidade galega en instalar estas lastras, en parte é por Chisco, ademais, por suposto de por Carmen Rodeja, presidenta da entidade. Chisco quedou impactado cando tropezou cunha destas lastras nunha viaxe a Alemaña, e pareceulle gran idea espallar este movemento mundial por Galicia en liña coa ARMH.
Entre os 17 “stolpersteine” que lembran as vítimas herculinas, un, o instalado o 19 de xullo de 2023 na rúa Porta dos Aires, lembra a Julio Martínez Arias. E precisamente Chisco Fdez. Naval (natural de Ourense, amante de Carnota e residente na Coruña), habitual colaborador da ARMH, publicou o ano pasado un libro, editado pola entidade, sobre a súa vida: Julio Martínez Arias. Da Porta de Aires da Coruña ao aire de Mauthausen, na mesma liña que o que escribiu contando a cinéfila historia do “Marrolas”, un dumbriés que comandou un grupo de fuxidos dende o Monte Pindo ata Bristol a bordo dun barco xeiteiro secuestrado na ría de Corcubión, e finado no Campo de Concentración de Gusen.
– Xornal da Coruña (XdC): Chisco, a túa longa obra está sempre vinculada á memoria, non?
– Francisco X. Fernández Naval (FFN): Sempre me mantiven próximo a este territorio, en todos os xéneros sempre ando arredor da memoria, porque é o que…. Unha vez, cando eu estaba escribindo o libro John Patrick Thompson, é un profesor de español e galego en EEUU, cando estaba escribindo o libro A novela galega e a Guerra Civil, e como eu tiña a novela O bosque das antas, que conta a historia do meu avó, quíxome preguntar por que eu escribía sobre iso. E eu lle contara que miña nai sempre me conta as cousas da guerra cando era pequeno. E díxome: “A min gustaríame preguntarlle porque unha nai lle contaba esas cousas tan terribles ao seu fillo”, porque meu avó estivo perseguido, agochado nas covas dos montes de Ribela e Oira, en Ourense.
Entón fumos á casa en Oira para entrevistala. Sentamos nunha pedra de 10 metros desas para sentarse a falar, John puxo a cámara e lle preguntou por que lle contaba esas cousas tan terribles a dous nenos pequenos. Miña nai mirou para a cámara e só dixo: “Porque os meus fillos tiñan que saber”. E eu débome a iso, a esa seguridade e firmeza da miña nai, que malia ser de esquerdas, era unha muller de igrexa, discreta… E por iso teño un compromiso coa memoria, coa historia do meu avó.
– XdC: En todo caso, hai pouca información para facer estes traballos biográficos de vítimas do fascismo?
– FFN: Normalmente hai pouca información, porque morreron todos moi novos, ente o 20 eos 35 anos, coa guerra pola medio, polo que normalmente marcharon de casa moi pronto, as familias tardaron moitísimos anos que lles pasaran, e ademais non o podían contar… Entón para facer unha biografía quedan bastante ocos. (…)”