‘Maré’ e ‘Narices!’ gañan o XX Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación

Desde a Deputación da Coruña (fotografía da propia Deputación):
“A área de cultura da Deputación da Coruña vén de facer pública a decisión do xurado do XX Premio Castelao de Banda Deseñada, un certame que cada ano reafirma o compromiso da institución co apoio á creación artística e á posta en valor do talento literario e gráfico, tanto no ámbito xeral como na literatura infantil e xuvenil (LIX). Ambas categorías están dotadas cun premio de 6.500 euros para a obra gañadora.
Na modalidade xeral, a obra galardoada foi Maré, un proxecto de Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño. O xurado destacou a potencia e o impacto da súa proposta gráfica, que, cun estilo singular, evoca o imaxinario da clase obreira e do mundo mariñeiro, ofrecendo unha narrativa visual profundamente coherente co relato que sustenta o proxecto.
Pola súa parte, na modalidade LIX, a obra premiada foi Narices!, da autora Giovanna Lopalco. A decisión foi unánime, e o xurado quixo salientar a orixinalidade do proxecto, o seu estilo fresco e persoal, así como o seu carácter dinámico e lúdico. Narices! propón unha experiencia de xogo que, ademais de entreter, amosa un gran potencial de futuro no ámbito da literatura xuvenil.
A decisión foi tomada polo xurado reunido no Pazo Provincial o 7 de xullo, baixo a presidencia de Natividade González, deputada de cultura, e coa participación das gañadoras da anterior edición, Sandra Lodi e Laura Suárez Fernández, e de especialistas do ámbito cultural: Tomás Guerreiro García, Sara Prieto Puy e Pablo Prado Fernández. A presidenta agradeceu “a implicación das persoas integrantes do xurado” e sinalou que, por criterio de obxectividade, decidiu non participar no debate nin facer uso do seu dereito ao voto. (…)”