Rafa Vilar gaña o V Premio Realia con A tolemia

Desde Hugin e Munin:
“Reunido na cidade de Pontevedra a mañá do 30 de xullo de 2025, o xurado, conformado por Montserrat Paz Núñez, Silvia Pérez Tato e Isabel Soto López, así como Alejandro Tobar Salazar (con labores de secretario, con voz e sen voto), decidiu outorgar por unanimidade o V Premio Realia de Tradución Literaria á obra intitulada A tolemia (orix. La bogeria), de Narcís Oller, que tras a abertura da correspondente plica resultou ser un traballo de Rafael Vilar González (Cee, 1968).

Nesta quinta edición, as novelas e novelas curtas presentadas a concurso chegaron a un total de dez, traídas dende seis linguas distintas. Tras a lectura rigorosa de cada peza, os membros do xurado acordaron reflectir na presente acta as seguintes consideracións:

A tolemia, publicada orixinalmente en 1899, é unha escolla pertinente que porá fin a unha ausencia notable no corpus galego de literatura traducida. O traballo presentado salienta pola naturalidade coa que flúe o texto sen afastarse do ton do orixinal, mesmo cando reproduce certas pasaxes de corte coloquial ou humorístico. Alén de que a obra deberá ser adaptada aos criterios lingüísticos da editorial, o aparato de notas talvez ampliado e algunha outra cuestión de estilo revisada, a escolla e o traballo tradutolóxico desenvolvido é estimable e digno merecedor do premio.

O autor da narración, Narcís Oller (Valls, 1846-Barcelona, 1930) é recoñecido como o creador da novela catalá moderna. A súa personalidade e obra están estreitamente ligadas co marco político e cultural derivado da Revolución de setembro de 1868. A tolemia afonda, dende a técnica naturalista, nas teorías científicas en discusión na súa época (determinismo biolóxico e social) arredor da enfermidade mental.

A editorial convocadora quere facer constar o seu agradecemento aos membros do xurado e aos responsables do Concello de Santiago de Compostela e, outra volta, reitera o seu recoñecemento sincero aos tradutores e tradutoras que se presentaron ao certame.

30 de xullo de 2025

Os membros do Xurado”