Resolto o IV Premio Realia de Tradución

Desde Hugin e Munin:
“Reunido en Santiago de Compostela ás 12:00 do xoves 10 de agosto de 2023, o xurado, composto por Manuel Arca Castro, Isabel Soto López e Carlos Valdés García, así como por Alejandro Tobar Salazar en calidade de secretario (con voz e sen voto), decidiu, por unanimidade, declarar deserto o Premio Realia de Tradución Literaria na súa cuarta edición.
Foron unicamente dúas as obras presentadas que cumprían cos requirimentos estipulados nas bases. Unha vez lidas con rigor polas anteditas persoas, acordouse reflectir na presente acta as seguintes consideracións:
O xurado desexa facer constar o seu sincero agradecemento polo traballo, interese, tempo e dedicación dos tradutores candidatos e asemade felicitalos polas súas escollas, que xulga orixinais e pertinentes e que sen dúbida responden aos criterios esixidos nas bases do certame en canto á transcendencia e ao feito de cubrir un oco no sistema literario galego. Ofrecéusenos, por unha banda, unha novela curta sen grandes artificios nin complicacións dun premio Nobel centroeuropeo, e, pola outra, unha peza da literatura nativa estadounidense inédita nas linguas ibéricas e cun salientable peso histórico.
Porén, e tamén como establecen as bases, o xurado considera que as traducións candidatas ao premio non presentan o nivel de calidade necesario en aspectos como a corrección ortotipográfica e gramatical na lingua meta, a fluidez do texto, a riqueza expresiva e a creatividade das solucións. Neste sentido, ningún dos membros do xurado percibiu en ningún momento o grao de excelencia que cabe esixirlle á obra gañadora dun certame destas características e que o lectorado de noso reclama.
Con todo, non é ningún desatino pensar que algunha das traducións –cando non as dúas– poidan nun futuro, tras un intenso proceso de cribado e corrección de erros e grallas, de modulación das frases, de cambios en determinadas solucións e dun imprescindible traballo de edición, pasar a formar parte do corpus de literatura traducida ao galego, cousa que xa sucedeu no pasado con obras que, malia aspirar a gañar este premio sen conseguilo, atoparon tempo despois acubillo noutras editoriais galegas.
Por outra banda, convén sinalar que, na liña das edicións previas, os membros do xurado e mais o representante da editorial se mostraron de acordo en que, dende un punto de vista xeral, o problema non estaría tanto na competencia e dominio da lingua de partida dos tradutores coma nas dificultades á hora de trasladar con éxito un texto foráneo a un galego correcto, ou polo menos correcto dabondo para acadar un premio.
A editorial convocadora quere facer constar o seu agradecemento aos membros do xurado e aos responsables do Concello de Santiago de Compostela e reiterar, outra volta, o seu recoñecemento aos tradutores que, de forma xenerosa, permitiron a avaliación dos seus traballos. A estes últimos desexámoslles a mellor das sortes profesionais e remitímolos ao documento anexo a esta acta, onde, coa discreción debida e espírito construtivo, facilitamos unha mostra dos erros recorrentes detectados.

10 de agosto de 2023,
Os membros do Xurado”

Alfonso Blanco Quintela gaña o III Premio Realia de Tradución Literaria

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Alfonso Blanco Quintela acaba de gañar o III Premio Realia de Tradución Literaria, pola tradución, ao galego, da obra As consecuencias da vella historia, escrita por Georgios Viziinos, e publicada orixinalmente en lingua grega en 1884. Blanco Quintela, que se presentou baixo o pseudónimo de Asier Ortegal, percibirá unha contía en metálico de 1.500 euros. A maiores, a súa tradución será publicada nos vindeiros meses nunha das dúas coleccións da editorial Huguin e Munin.
O xurado considera que a tradución asinada por Blanco Quintela é digna vencedora por varios motivos. Entre eles a riquez do seu léxico, cun uso adecuado da sinonimia, así como por escolmar con acerto a literatura grega de finais do século XIX até dar cun texto e cun autor ben coñecidos pero escasamente representados no ámbito ibérico. En consencuencia, segundo explican os membros do xurado na acta, “recoñéceselle ao tradutor non só que saiba traer de maneira eficaz un texto en tradución directa do grego ao galego, senón tamén a súa contribución ao encher un pequeno baleiro no corpus galego de tradución”. Tamén salientan que, “se ben é certo que a obra aínda precisa dun traballo de edición, este parece asumible, pois á calidade do orixinal cómpre sumarlle, en definitiva, unha tradución competente, que cos procesos de revisión aínda por chegar pode converterse nunha estupenda proposta literaria para os lectores e lectoras en galego”.
Os premios Realia de tradución, convocados polo concello de Santiago a través da concellaría de Acción Cultural, en colaboración coa Editorial Hugin e Munin, teñen unha periodicidade bianual. Os seus obxectivos son difundir e recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta; e outorgarlle visibilidade e recoñecer o traballo dos profesionais da tradución, coa publicación da obra nalgunha das coleccións da editorial. A obra gañadora será cedida á Biblioteca Virtual (BIVIR) da Asociación de Tradutores Galegos pasado un ano da súa publicación en papel. (…)”

Antía Veres gaña o I Premio Realia de Tradución

Desde Cultura Galega:
“O Concello de Santiago acolleu a presentación do fallo do I Premio Realia de Tradución que convoca a editorial Hugin e Munin en colaboración con esta entidade. A concelleira de Turismo e Igualdade, Marta Lois e Xavier Senín, voceiro do xurado, anunciaron que foi Antía Veres Gesto quen se fixo cos 1.200 euros do galardón. Veres verteu ao galego a obra Detrás da máscara: o poder dunha muller de Louise May Alcott, na que o xurado recoñeceu o “se tratar dunha tradución axustada ao orixinal inglés, coa necesaria adaptación á lingua meta para favorecer unha lectura fluída”. Segundo explicou Senín, “o coidado no aspecto lingüístico fai supoñer un proceso de traballo demorado”. O tribunal, composto por Marta Neira, Isabel Soto, Delia González e Alejandro Tobar, ademais do propio Senín, destacou que a obra escolleita é un libro “singular dentro da produción da autora, o cal se axusta ao espírito da editorial convocante”.
En total presentáronse ao certame un total de nove traducións, das cales o xurado descartou catro por non cumprir as bases. Das restantes, e logo de contrastar coas obras orixinais e con outras versións escoulleuse a gañadora por unanimidade. O traballo de Antía Veres verá a luz nun prazo máximo de tres meses na editora Huguin e Munin, que pasado un ano será cedida á Biblioteca Virtual (BIVIR) da Asociación de Tradutores galegos, onde se poderá ler en liña.
Senín destacou o feito de ser este certame o único con dotación económica dedicado á tradución no noso país, e asegurou que a organización está satisfeita coa participación. Segundo explicou, “non está nada mal. Só pasaron oito meses desde a convocatoria, o que fixo que só se puidesen presentar obras que xa estaban en marcha. A tradución é un proceso que leva moito tempo”. Sinalou, no entanto, que ao ser un certame bienal é de agardar que para a vindeira xeira “xa con máis tempo de preparación, haxa máis competencia”.”