Arde Galiza, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Nós Diario:
“Onde eu vivo, hai 25 anos había algunha resistencia a eliminar eucaliptos e substituílos por frondosas autóctonas. Mais en 2005, cando a principios de agosto o monte ardeu case por completo nas súas preto de trescentas hectáreas, comprobaron cales foran as zonas que mellor resistiran (si, onde había carballos e castiñeiros) e como os eucaliptos viraran bomba incendiaria e arma de destrución do solo.
Ao noso monte prendéronlle lume. Din que lanzaron rodas con combustíbel. As rodas apareceron. Houbo quen verbalizou que era unha vinganza dos de sempre por perderen as eleccións. O bipartito tomaba posesión eses días.
Pasados vinte anos, neste inicio de agosto puiden visitar o Teixadal de Casaio. Estabamos en alerta vermella pola calor, así que madrugamos todo o posíbel e entramos neste bosque único en Europa case ao mesmo tempo có sol. Alí a alerta vermella non existía. Estabamos protexidos por unha cúpula vexetal en que teixos, cancereixos, acivros e bidueiros competían pola luz. O chan estaba limpo. Alí, naquel bosque afastado, de difícil acceso, en que é imposíbel calcular a idade das árbores e que permanece igual a si mesmo despois de milenios, onde as persoas que entramos hoxe facémolo procurando que o noso paso sexa imperceptíbel, o chan estaba limpo. O bosque, autóctono, antigo, protéxese a si mesmo.
Dúas páxinas do libro da vida que nos demostran que, cando nos afastamos da natureza, tamén nos destruímos a nós mesmos.
Regresamos de Carballeda de Valdeorras por Larouco, Trives e Chandrexa, e coma unha premonición atravesamos o lume das Neves. Non podo soportar a idea de que ardeu o Macizo central. Nin que o goberno da Xunta se limite a falar de que van perseguir os culpábeis, como se eles coa súa nefasta política forestal, coa súa aposta por Ence ou Altri, devoradoras de eucalipto, non fosen parte da man incendiaria. Como quen arrinca as árbores da vila para substituílos por pavimentos que axudan a que aumente a temperatura. Todos sosteñen a mesma bomba.”