Artigo de Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“As situacións máis angustiosas que vivín son ter un dos meus debaténdose entre a vida e a morte e intentar apagar no medio da noite un incendio que ameazaba a casa. Ás veces, nos pesadelos, represéntase a lingua de lume avanzando polo monte de Toba e uns poucos veciños e veciñas loitando con pas por detelo.
Hoxe o pesadelo é realidade para a xente en Galicia que ve o lume levar por diante árbores, cultivos, paisaxes, casas nas que acougan memorias de xeracións, a súa vida. 60.000 hectáreas, talvez máis ao se publicar o artigo. Alcanzando Pena Trevinca, un símbolo no imaxinario do país, o Teixadal de Casaio. Arrasando parte do bosque de Ridimoas, os piñeiros, de momento sálvanse as caducifolias: un sinal.
Enfermidades e incendios teñen en común, ademais da angustia, que a forma máis eficaz de evitalos é a prevención. As vacinas salvan millóns de vidas. As vacinas contra os incendios son as políticas de prevención.
Estes incendios son distintos debido á crise climática, ao aumento desbocado das temperaturas, á seca. O fume impide, ás veces, actuar a helicópteros e avións. Cómpre apoiar todas as medidas para abandonar as enerxías fósiles.
As ecoloxistas, Adega, propoñen políticas forestais de xestión dos montes que preserve as súas funcións: limpar durante o inverno, repoboar con caducifolias, promover a gandería extensiva, deter a plantación de eucaliptos, non permitir a conversión en forestal de terras agrarias. A prevención require persoal contratado todo o ano, non seis ou nove meses, suficiente –a Xunta convoca agora 117 prazas de bombeiros e aínda hai vacantes–. As condicións laborais: ningunha comunidade autónoma aplica o novo Estatuto de bombeiros forestais de novembro. Pois, lembro, as competencias de prevención e extinción de incendios son das comunidades.
A solución non é aumentar as penas para os incendiarios. Si tomar en serio a crise climática.”