Artigo de María Reimóndez en Nós Diario:
“Imaxino que para as árbores, as palabras humanas non significan gran cousa. Porén, as árbores falan cos feitos. Eses que ignoramos a cada paso, simplemente porque as súas experiencias vitais son o contrario ca as de moitos seres humanos.
As árbores non son obxectos, tema que cómpre lembrar cada día: son seres vivos. O feito de que non bruen nin sangren fai que a nosa empatía cara a elas sexa aínda menor ca a que amosamos cara aos animais. Mais o certo é que este planeta no que estamos foi creado por bacterias para a vida vexetal. O resto foi unha concatenación de feitos da que os seres humanos cada vez semellamos ser o seu peor resultado.
Fronte ao afán de construír colectividade das árbores, o noso afán destrutivo capitalista pon en perigo todo o que paga a pena. O desprezo polas árbores vai da man do desprezo por culturas de todo o planeta que buscan deixar a mínima pegada no que as rodea, culturas que, imitando as fragas e bosques, buscan existir sen producir nin consumir como obxectivo final. E, loxicamente, as árbores producen algo tan nimio coma a propia vida mentres nós as vemos como recurso, acugulamos rego tras rego de eucalipto ou piñeiro sen máis consideración.
Nos espazos que crean as árbores e non os seres humanos, entran colectividades e individualidades de seres vivos, disputas pola luz ou pola auga, pero sobre todo a colaboración para crear diversidade. Porque as árbores son quen de sentir por todo o corpo (tamén o lume), comunícanse de formas moi complexas, mediante compostos químicos, por asociacións con fungos.
Agora que a fraga cala e só se sente o crepitar do lume, que dirán as árbores coas súas derradeiras palabras? Que ecosistemas serán quen de crear convertidas en cinsas (porque cando morren doutro xeito, seguen creando vida). As árbores, a diferenza das persoas, son a base da vida e a súa ollada pausada e reflexiva debería facernos cambiar de rumbo en absolutamente todo o que facemos como especie.
Mentres non entendamos isto, as nosas políticas forestais seguirán rexidas por quen observa un obxecto do que tirar partido, por quen non coida porque para que, por quen quere expulsar as persoas que poden protexer as árbores no seu hábitat compartido, por quen quere implantar proxectos de lucro no territorio, por quen só pensa no cazo e non na vida que se esfarela en faíscas. E aí é onde as persoas debemos erguer a voz e a man no seu nome agora e cada día.”