Artigo publicado por Marta Dacosta en Nós Diario:
“Até que finalice outubro, aínda quedan máis de dous meses de perigo incendiario. Sabémolo porque temos no fondo das células a lembranza do fume de vinte anos atrás ou da devastación de hai oito anos, cando un quince de outubro o lume arrasou montes, aldeas, leiras e cidades. Aínda dous meses de perigo incendiario e o desvarío de quen non executa as partidas previstas, non contrata o persoal necesario, manda retirar bombeiros, mantén anuncios de Ence nos telexornais, difunde modelos de privatización en que se volven plantar eucaliptos e repite propostas que aproba e non executa insultando a nosa memoria.
Levamos no torrente sanguíneo as cinzas dos incendios e na mente un dano irrecuperábel. As persoas que se enfrontaron ao lume en anos anteriores, reaccionan negativamente ante este presente en chamas. Posibelmente nalgúns casos se podería falar de estrés postraumático. Porén, a miña percepción é que non se lle presta a atención debida ás consecuencias psicolóxicas das vagas incendiarias.
Pescudo nas redes e dou cun informe canadense que recolle: “Os datos dispoñíbeis revelan un aumento da prevalencia dos efectos sobre a saúde mental (ansiedade, depresión, desorde de estrés postraumático) nas comunidades afectadas polos incendios forestais”. Uns efectos que son maiores entre as persoas que ven arder as súas casas ou que foron desaloxadas e moi especialmente entre os adolescentes. Ademais habería que falar do incremento do consumo de tabaco e alcol. Existen estudos australianos que recollen que cinco anos despois dos incendios o 20% das persoas afectadas seguían tendo trazos de estrés postraumático.
A isto haberá que sumar os danos cerebrais de momento en estudo, pois malia se ter analizado os efectos da polución nos humanos, aínda se está iniciando a investigación das consecuencias do fume dos incendios. Os investigadores sinalan a posibilidade de danos cognitivos a longo prazo.
E nós que vemos arder Galiza, cando van preocuparse da nosa saúde mental?”