Suso de Toro: “Castelao e Piñeiro son figuras, xa non contrarias, senón inimigas politicamente”

Entrevista de Montse Fajardo a Suso de Toro en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Dixo nas súas redes sociais que con este libro pretendía fechar o ano Castelao cun relato que o reivindique de vez e lle tire de encima a imaxe que outros lle crearon.
– Suso de Toro (ST): Si, con iso entramos xa directamente no cuore, no centro do sentido do libro, porque con iso refírome ao combate político que estabeleceu un grupo de galeguistas do Interior, e nomeadamente Ramón Piñeiro, para liquidar a posición política que representaba Castelao. Piñeiro descualifícao situándoo como un naif que non se enteira, que non sabe ver os cambios no tempo e eu digo que non é certo, simplemente estaban en posicións distintas. Castelao demostrou no exilio que era capaz de modular posturas e buscar acordos pero sempre manténdose nunha posición republicana. Pasou anos aferrándose ao Estatuto de Autonomía, que estaba unido á República, e ademais representou o Consello da Galiza, o que tamén vai ser esencial nesta dialéctica porque Piñeiro e o seu grupo descualificaron igualmente a institución e impedíronlle que tivese enlace co interior en base a ese argumento de que Castelao era un gran artista, unha figura simbólica, pero non era realmente un político porque era un soñador e a súa postura non era sensata. A que era válida era a deles.
– ND: Parece que iso de resaltar a figura artística de Castelao para minimizar a política quedou no ADN, e hai quen segue a facelo hoxe.
– ST: Absolutamente. É asombroso que até mesmo estudosos da figura de Castelao repitan ese prisma que estabeleceu Piñeiro desde finais dos anos 40 e sobre todo nos 50 e 60. Repetiuno unha vez e máis outra. Por iso Galaxia non editou o Sempre en Galiza, é dicir, o pensamento político de Castelao, até anos despois de que o editaran en Madrid. A súa reticencia a divulgar o pensamento político de Castelao é significativa. (…)”