Xurxo Souto: “Antes dicían que o galego non valía para o rock, pero agora din que non vale para as matemáticas. Son tempos escuros”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a Xurxo Souto en Praza:
(…) – Praza (P): Como nace este libro? Sei que responde a unha proposta recente de Fran Alonso, pero non sei se a idea da novela estaba xa alí, nalgún caixón, dende hai tempo?
– Xurxo Souto (XS): Non, a verdade é que todo moi recente. A conmemoración do 30 aniversario do Bravú foi unha verdadeira celebración. Fíxose un documental, houbo moitas presentacións, atopámonos con moitos amigos, fíxose un manifesto de futuro e tocamos moitas veces coa Banda Xangai. Así que eu estaba completamente realizado. Pero nese momento dime Fran Alonso: “Xurxo, hai que facer un libro sobre o Bravú”. E o certo é que a min non che me apetecía nada, porque os libros ao uso sobre música son un pouco como un catálogo de IKEA: había estes grupos, neste ano sacaron este disco, entrou este, marchou este outro… Pero Fran insistiu e atopei o camiño, que foi contalo dunha forma autobiográfica, que era ademais a mellor forma de contar esta aventura colectiva.
Ao final, tiven que escribir o libro moi rápido, nun par de meses, e por iso saíu unha escrita un pouco atrapallada, moi ás présas. Pero asumín que tiña que ser así e, como me dixeron, este estilo atrapallado hai que consideralo así, como unha forma de estilo. É un libro lixeiro, que se le rápido, non pretende facer grandes reflexións metafísicas, senón contar unha aventura colectiva, linda e con ritmo.
– P: O libro é autobiográfico, pero non sei canto hai de literatura e canto de memoria, canto hai de ficción e canto de realidade?
– XS: A maioría do que se aparece son historias autobiográficas que nalgúns casos, a forza de contalas unha e outra vez, collen unha dimensión literaria. O que se narra é, sobre todo, esa éxtase, esa fascinación por un proceso no que un grupo de rapaces deciden montar un grupo musical. E iso convértese na porta cara a unha espiral marabillosa na coñecemos outros grupos, viaxamos, demos unha visión alternativa da nosa propia realidade e, finalmente deixamos -dito con toda a humildade, pero tamén con toda a vehemencia- unha certa impronta no discurso da nosa sociedade que segue latexando trinta anos despois. (…)”