Antía Yáñez: “O poder que ten a literatura é amosar historias diferentes á narrativa dominante”

Entrevista de María Amigo a Antía Yáñez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Be Water II: Terra é o segundo tomo dunha saga distópica. Que a levou a escoller este xénero?
– Antía Yáñez (AY): A fantasía e a ciencia ficción sempre me gustaron, foi con Os xogos da fame como descubrín o xénero da distopía xuvenil. Tamén é un tema a debater o que é ou non é xuvenil, porque parece que se pon esa etiqueta máis facilmente cando escriben mulleres.
A distopía é unha forma de criticar o presente índonos ao futuro. A min gústame escribir ficción e afastarme da realidade que estou vivindo e a fantasía sempre é unha ferramenta útil.
En xeral eu, como lectora, cando collo un libro, o que quero é tamén escapar por medio da imaxinación, igual que escapo vendo unha serie ou unha película.
Aínda así gústame facer preguntas sobre cara a onde nos encamiñamos como humanidade e cal será o noso futuro.
– ND: Continuar esta saga foi máis sinxelo ou máis complicado que comezar unha novela desde cero?
– AY: Máis difícil, porque había moitas expectativas creadas con Be Water I e había cousas das que non me lembraba. Tiña moito medo, primeiro a defraudar, e despois a ser incongruente co primeiro libro, que o escribín en 2019. Dese ese ano cambiei bastante e tiña medo de que parecese que o escribían dúas persoas distintas.
– ND: Todo isto afectoume psicoloxicamente, por iso tardei tanto en sacar esta segunda parte.
– AY: Na obra trata temas que están á orde do día. Como alimenta a actualidade a súa produción literaria?
As miñas preocupacións, aínda que intente fuxir delas, sempre están aí, pero gústame abordalas dunha maneira diferente. Sempre tiven a lectura como un pracer e non collo un libro para ver confirmados os meus pensamentos, cólloo por lecer. Vivo no mundo, son filla da miña xeración, son millenial, sufrín diferentes crises e non podo evitar que me preocupen temas que probabelmente lle preocupen a outros millóns de persoas no mundo. Ao final, como escribo do que me interesa, remato indo a cousas que son moi comúns. (…)”