Desde o Concello de Tui:
“A escritora Marga do Val na categoría individual e o Tyde F.C. na de colectivo recibirán os premios Cidade de Tui de 2026 en recoñecemento a súa achega á cidade e á sociedade tudense en diversos ámbitos. Así o acordou o Concello de Tui a proposta unánime do xurado destes premios, tras un amplo debate entre posibles persoas candidatas a este galardón. O acordo foi aprobado na Xunta de Goberno Local.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, estes premios “exemplifican a vitalidade da vida tudense, o dinamismo dos seus diversos sectores sociais así como a capacidade creativa e innovadora de tantos tudense en diversos ámbitos da vida social”.
Sinala Enrique Cabaleiro que os galardoados deste ano son amplamente merecentes deste Premio Cidade de Tui. Cen anos de historia atesoura o Tyde F.C. dende a súa fundación en 1926. Dende entón ten destacado polo intenso labor de promoción do deporte que veñen realizando no fútbol base e no fútbol feminino. Tense convertido nunha referencia do deporte tudense pola súa longa traxectoria e polos éxitos deportivos acadados coma o ascenso a Rexional Preferente a temporada pasada. Pola súa banda, Marga do Val une a súa ampla actividade literaria, onde Tui e os tudenses teñen un papel protagonista, a súa faceta como promotora e divulgadora da cultura galega e o seu papel como fundadora e presidenta do Instituto de Estudios Agrarios “Mártires de Sobredo” que organizan anualmente un amplo programa de actividades en lembranza deste tráxico acontecemento histórico decisivo para o movemento agrario de Galicia.
A entrega destes Premios Cidade de Tui terá lugar o sábado 4 de abril no Teatro Municipal como acto de apertura das festas patronais de San Telmo.”