A Coruña: Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical, o 25 de setembro

Luísa Villalta. A auséncia que sustenta a vida. Recital poético-musical é unha actividade da AELG, co apoio de CEDRO e o Concello da Coruña.


O 25 de setembro, ás 19:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a vixencia da figura de Luísa Villalta cun recital poético-musical, vinte anos despois do seu pasamento, na secuencia das homenaxes que tiveron lugar en 2004 e 2014. A entrada será libre, até completar capacidade.

O acto, conducido por Cesáreo Sánchez Iglesias e Beatriz Maceda, contará coas interpretacións musicais de Florian Vlashi e César Morán.

Pola súa vez, intervirán lendo textos arredor de Luísa Villalta:
Ana Romaní
Antía Otero
Daniel Asorey
Estíbaliz Espinosa
Eva Veiga
Francisco X. Fernández Naval
Henrique Rabuñal
Marga do Val
Marica Campo
Marta Dacosta
Miro Villar
Pilar García Negro

Deste xeito, neste 2024, onde foi recoñecida como autora a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas, reafirmámonos no indicado nas anteriores homenaxes levadas a cabo desde a AELG:
Luísa Villalta constitúe unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical coma no literario; a súa obra abarca todos os xéneros (poesía, teatro, novela e ensaio literario) sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, Luísa foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole, entre as que destacamos a súa participación no Consello Directivo da AELG durante varios anos.
Foi unha das pezas chaves da renovación da dramaturxia galega nos anos oitenta, dende os Cadernos da Escola Dramática, destacando nela a importancia do elemento musical, que propicia unha querenza formalista que devén nun cultismo textual na procura da dignificación do xénero teatral e da lingua. Formada na Universidade de Santiago, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, dedicando parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario; mais a súa inquedanza polo mundo das letras sempre estivo acompañada dun profundo amor pola música, que a levou a ser Titulada Superior de Violín e a participar en diferentes conxuntos de cámara, ademais de integrar a Xove Orquestra de Galicia, faceta que desenvolveu ademais como estudosa das relacións entre linguaxe musical e linguaxe poética como formas de coñecer poeticamente o mundo.
A poesía de Luísa Villalta estaba atenta ao eu, mais tamén a pensar o mundo contemporáneo, o que facía dela unha persoa interesada no devir da sociedade e en promover e participar vivamente en procesos de debate sobre ensino, emigración, marxinación, xénero…, involucrándose así nas mobilizacións que se convocaron desde o mundo da cultura contra a guerra do Iraq ou a catástrofe do Prestige, até o punto de que a súa última intervención pública foi a participación nun recital de poetas galegos e galegas en solidariedade con Palestina. O seu grande activismo cultural levouna a colaborar de xeito constante e desinteresado con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos.
Na lúcida ironía dos seus textos destaca tamén a reflexión sobre a cidade na posmodernidade, entendida como ágora, como territorio no que se formulan e resolven as tensións sociais, tomando a autora parte pola defensa dos dereitos das persoas desposuídas. Sensíbel e contundente, denunciou os valores e a apatía da sociedade capitalista.

A Coruña: presentación de Cantos de dor e liberdade, voces galegas por Palestina, o 1 de xullo

O 1 de xullo, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, preséntase o libro Cantos de dor e liberdade, voces galegas por Palestina, publicado por Tempo Galiza Editora. Participan nesta presentación o profesor Carlos Aymerich Cano, autor do prólogo; Iván Prado, de Pallasos en Rebeldía; Marga do Val, Igor Lugrís, Xulio López Valcárcel, Celso Álvarez Cáccamo, Julia Aguiar, Mensi Cortizas, Sabela Losada e Estíbaliz Espinosa. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.

Crónica fotográfica da homenaxe O Escritor na súa Terra – Letra E 2024, dedicada a Euloxio R. Ruibal (II)


A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XXX edición, recaendo na figura de Euloxio R. Ruibal, que será homenaxeado en Santiago de Compostela o 15 de xuño de 2024.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do homenaxeado ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo co autor e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha abeleira, árbore simbólica elixida polo propio autor, e a colocación dun monólito conmemorativo.
Esta actividade conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, CEDRO e Xunta de Galicia.

Aquí pode verse un adianto da crónica fotográfica, da que publicamos a continuación unha pequena escolla:

Crónica fotográfica do Encontro da Federación Galeusca 2024 en Palma de Mallorca

Estas son algunhas das fotografías do Encontro da Federación Galeusca 2024, organizado pola AELC, coa participación da AELG e da EIE, conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear, Ca n’Alcover e Etxepare Euskal Institutua. Tivo lugar o 29 de maio de 2024 en Palma de Mallorca, con este programa. A crónica fotográfica completa (obra de Carme Esteve/AELC) pode verse aquí, onde tamén se recollen fotografías enviadas por María Reimóndez.

A Coruña: “Luísa Villalta na lembranza”

O xoves 16 de maio, véspera do Día das Letras galegas, ás 19:00 h., na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, realizarase un acto de homenaxe e recoñecemento á autora homenaxeada neste 2024 Luísa Villalta na lembranza. Serán tres amigas as que repasarán a vida e a obra de Luísa: Ana Pillado, Marga do Val e Pilar García Negro.
Tres compañeiras de vida de distintas xeracións: a alumna, Ana Pillado, na casa de seus pais Pancho Pillado e Noli, Luísa recitou, tocou o violino e recibiu o empuxe para comezar a publicar; Marga do Val, a compañeira de xeración, amigas, xuntas nas páxinas de A Nosa Terra e na defensa do país, e a amiga Pilar García Negro, a primeira lectora de moitas obras de Luísa.
Este encontro terá unha duración de 1 hora. E as persoas que nos acompañedes levaredes de agasallo unha copia do poema manuscrito que Luísa escribiu en homenaxe a Alexandre Bóveda.
As persoas interesadas en asistir pode anotarse aquí.