“No día de hoxe, 11 de decembro de 2010, tivo lugar a resolución do Premio de Poesia Eusebio Lorenzo Baleirón na súa edición de 2010, por parte do xurado composto por:
Presidente: don Arturo Díaz Díaz, Alcalde do Concello de Dodro.
Vogal primeira: dona Ánxeles Penas, poeta e tradutora de Eusebio Lorenzo Baleirón.
Vogal segundo: don Modesto Fraga Moure, poeta.
Vogal terceira: dona Dolores Vilavedra, profesora da USC e crítica literaria.
Vogal cuarto: don Daniel Costas, gañador do certame do ano 2009.
Secretaria: dona Victoria Rei Mariño, tenenta de alcalde con delegación na Área de Cultura.
Que acordan, tras a deliberación do xurado, outorgar por unanimidade o premio ao seguinte traballo: Palabras e palabras e palabras. Aberta a plica resultou ser da autoría de Luís Valle Regueiro. O xurado destacou a profundidade temática, a orixinalidade das imaxes, a musicalidade e un impecable coidado da lingua. Salienta tamén a calidade en xeral das obras presentadas, así como o elevado número, o que destaca a importancia que este Certame ten no ámbito da literatura galega.
Para que conste a todos os efectos, asinan acta o sábado 11 de decembro de 2010.
Ademais de emitir a súa resolución, os membro do xurado realizaron unha visita ao cemiterio onde repousan os restos do poeta de Dodro, Eusebio Lorenzo Baleirón para dar testemuño do noso recordo.”
Vía Concello de Dodro. Recollido tamén en A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Galicia Hoxe, El Correo Gallego e Cultura Galega.