«[…] En relación coa afirmación do filósofo, ensaista e crítico literario, George Steiner, expresada ao xornalista e escritor Juan Cruz, na devandita entrevista, o P.E.N. de Galicia manifesta:
Que o ignorante atrevimento do vedraio intelectual, nado en París en 1929, nas súa afirmación sobre “la obrigatoriedad de hablar en gallego en una universidad de España” e o seu desprezo pola literatura galega, comparándoa pexorativamente coa catalá, puido ser remediado, perfectamente, polo entrevistador.
Juan Cruz, máis que entrevistador coautor de Yo intento fracasar mejor mejor, non é un octoxenario desinformado. Este escritor canario coñece a existencia e a traxectoria da literatura galega, trata directamente a varios autores actuais, non se lle escapan nomes como o de Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste, Eduardo Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Carlos Casares, Alfredo Conde…e ten participado en numerosas actividades literarias en Galicia, a última nas Xornadas de Mariñán, organizadas pola Fundación “Carlos Casares”, do 4 ao 7 de xuño pasado.
Non cabe dúbida ningunha de de Juan Cruz aproveitou as declaracións de George Steiner para botar leña ao lume na actual situación lingüística e literaria no Estado das Autonomías, co “Manifiesto por la lengua común” como telón de fondo. Pouco lle debemos agradecer a partir de agora, ao simpático e poderoso novelista, que acostuma a festexar os “chistes de gallegos”, os que loitamos, día a día, en Galicia e nos foros internacionais, pola pervivencia da literatura de noso.» (Galicia-Hoxe)