Os nosos montes, por Carme Adán

Artigo de Carme Adán en Nós Diario:
“Terríbel. Esta é a palabra máis repetida nesta vaga de lumes. Desesperación e tristeza ante unha perda humana, gandeira e medioambiental irreparábel. A veciñanza desesperada apaga os lumes como pode. Onte escoitaba a unha amiga narrar como usan xestas porque non teñen material. Fora a propaganda política e os chalecos dos cargos políticos do PP, a situación é desoladora. Era cuestión e tempo, meteorolóxico e cronolóxico, que isto sucedese.
As brigadas e os bombeiros en situación precaria e só contratados por tempadas. Mentres, o gasto en militarizar en Europa imponse como unha prioridade, o desleixo cara o agro e o monte é unha constante na Galiza e no Estado. A Xunta entende o monte como un monocultivo de eucaliptos e piñeiros para o negocio das empresas pasteiras; véxase o seu empeño por lexitimar acabar coa riqueza da Ulloa. O modelo de Altri ou Ence sabemos que non xera riqueza no país, todo o contrario: deteriora formas de vida que respectan a biodiversidade.
Hai que pedir responsabilidades en dous sentidos nesta catástrofe. Un sobre como se afronta a extinción dos incendios e outro sobre a prevención. Porque faltaban efectivos cando as alertas por calor extremo se repiten dende hai un mes? Onde están os efectivos da Xunta? A coordinación cos concellos? Non chega coas roldas de prensa nin co control mediático. Anos reducindo os orzamentos e rezando para que chova ten consecuencias. A realidade deixa ao descuberto que os montes necesitan unha política forestal que os poña en valor todo o ano. Aí comeza a prevención. Non é un pacto pola emerxencia climática, é escoitar aos que viven no rural e levan proxectos de rexeneración das especies autóctonas. Especies que en moitos casos son devasas naturais.
A prevención sempre é lenta e cara. No caso da política forestal, as persoas expertas levan décadas alertando da necesidade de mudar o modelo de explotación do monte. Pensemos que os pastos de gando están sendo reforestado con eucalipto, que non se roza o monte ou se fai só para plantacións de especies de crecemento rápido. O suposto abandono do rural asúmese como un mal necesario en nome do progreso. Vai sendo hora de poñer en cuestión que entendemos por “progreso”. Unha palabra vencellada ás cidades e a industrialización da que hoxe, a pouco que a sometamos a análise, vemos as súas trampas.
A respecto desta cuestión quixera facer unha reflexión. Hai xente nova que se viu expulsada do espazo rural por falta de servizos e pola infravaloración do traballo no campo. Explotacións que tiveron que pechar pola baixada dos prezos ou o consumo alimenticio baseado nas grandes superficies son un exemplo. Vivimos de costas ao monte. As crianzas aínda máis. Podemos repasar os contidos curriculares, ou incluso os transversais e detectaremos un desprezo polo noso rural. É certo que en ocasións poñemos o acento no deterioro do planeta, sen reparar que o ecoloxismo é un compromiso coa natureza e a vida desde nós e o noso contorno.
Servirá tanta dor e tantas perdas para que outra política forestal se poña no centro do debate e dos orzamentos?”