Desde Agadea:
“A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela acolleu esta mañá o acto de entrega do IV Premio SIMBAD de Literatura Infantil, organizado por AGADEA Alzheimer no marco do Mes do Alzheimer.
A gañadora desta cuarta edición foi a escritora Rita Doallo, coa obra Astralistoria, «unha historia que combina maxia, imaxinación e memoria» para transmitir ás novas xeracións valores de solidariedade, respecto e coidado interxeracional. Julia, usuaria do centro de AGADEA en Vedra, entregou o galardón á gañadora.
O evento contou coa presenza do Secretario Xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou que “a lingua galega e a literatura infantil son ferramentas esenciais para construír unha sociedade máis consciente e máis humana; premios como o SIMBAD axudan a transmitir valores e a crear novas xeracións máis comprometidas”.
Cristina Villar, educadora social de AGADEA nos centros de Vedra e Cuntis, explicou o traballo da asociación cos centros educativos onde a asociación ten presenza, destacando cómo «máis alá de calquera diagnóstico, na literatura sempre hai un lugar para seguir lembrando, creando e compartindo.»
Un dos momentos máis emotivos do acto foi a lectura dun fragmento de Astralistoria a cargo de Celsa, usuaria do Centro de Día de Ensanche de AGADEA, que puxo voz á historia ante o público asistente. O peche do acto estivo marcado pola actuación musical do grupo SANARTE.
Na súa intervención, a presidenta de AGADEA, Isabel Gey, subliñou como «o Premio SIMBAD é un símbolo do noso compromiso coa sensibilización a través da cultura e a educación. Coidamos das persoas con Alzheimer, pero tamén queremos coidar da sociedade, sementando conciencia nas novas xeracións. Cada conto premiado convértese nunha semente de empatía e solidariedade que contribúe a manter viva a memoria colectiva”.
Con esta cuarta edición, o Premio SIMBAD consolídase como un referente da literatura infantil en Galicia, promovendo obras que axudan a comprender mellor a realidade do alzhéimer e a importancia dos coidados.”