“Este 17 de maio, Día das Letras Galegas, demos a coñecer os micro-relatos gañadores da 14ª edición do noso concurso literario OZOCOgz.
Tras unha participación record de 48 achegas resultaron gañadores:
– Micro-relato gañador: «YAEL SOÑA», da autoría de Ramón Caride Ogando.
– Micro-relato finalista: «UN DISPARO», da autoría de Sonia Corral Franco.
O xurado estivo formado polas escritoras e escritores Alba Rodríguez Saavedra, Manuel Esteban, Óscar Reboiras e Rita Doallo (gañadora da edición anterior), xunto co libreiro de Bueu, Fernando Miranda Estévez.
Os gañadores recibirán os seguintes premios:
– 1º premio ao relato gañador: 1 O Xogo do PICAPAU, 1 vale por unha estadía de 1 noite para dúas persoas en réxime de almorzo buffet e uso das piscinas de auga minero medicinal (2 horas día e con cita previa) a elixir entre o Balneario de Laias e o Balneario de Lobios, 1 vale para unha degustación gastronómica para dúas persoas no restaurante/pulpería Casa Gazpara do Carballiño.
– 2º premio ao relato finalista: 1 camisola e 1 caderno de OZOCOgz, e 1 lote de libros, doados polas editoriais Belagua e Galaxia.
Fica pendente unha data para a festa de entrega de premios.
Pódense ler os relatos gañadores na seguinte ligazón“
Arquivos da etiqueta: Rita Doallo
A escritora Rita Doallo gaña o IV Premio Simbad de Literatura Infantil con su obra ‘Astralistoria’
Desde Agadea:
“A Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela acolleu esta mañá o acto de entrega do IV Premio SIMBAD de Literatura Infantil, organizado por AGADEA Alzheimer no marco do Mes do Alzheimer.
A gañadora desta cuarta edición foi a escritora Rita Doallo, coa obra Astralistoria, «unha historia que combina maxia, imaxinación e memoria» para transmitir ás novas xeracións valores de solidariedade, respecto e coidado interxeracional. Julia, usuaria do centro de AGADEA en Vedra, entregou o galardón á gañadora.
O evento contou coa presenza do Secretario Xeral da Lingua, Valentín García, quen salientou que “a lingua galega e a literatura infantil son ferramentas esenciais para construír unha sociedade máis consciente e máis humana; premios como o SIMBAD axudan a transmitir valores e a crear novas xeracións máis comprometidas”.
Cristina Villar, educadora social de AGADEA nos centros de Vedra e Cuntis, explicou o traballo da asociación cos centros educativos onde a asociación ten presenza, destacando cómo «máis alá de calquera diagnóstico, na literatura sempre hai un lugar para seguir lembrando, creando e compartindo.»
Un dos momentos máis emotivos do acto foi a lectura dun fragmento de Astralistoria a cargo de Celsa, usuaria do Centro de Día de Ensanche de AGADEA, que puxo voz á historia ante o público asistente. O peche do acto estivo marcado pola actuación musical do grupo SANARTE.
Na súa intervención, a presidenta de AGADEA, Isabel Gey, subliñou como «o Premio SIMBAD é un símbolo do noso compromiso coa sensibilización a través da cultura e a educación. Coidamos das persoas con Alzheimer, pero tamén queremos coidar da sociedade, sementando conciencia nas novas xeracións. Cada conto premiado convértese nunha semente de empatía e solidariedade que contribúe a manter viva a memoria colectiva”.
Con esta cuarta edición, o Premio SIMBAD consolídase como un referente da literatura infantil en Galicia, promovendo obras que axudan a comprender mellor a realidade do alzhéimer e a importancia dos coidados.”