Xosé Lois González ‘O Carrabouxo’, galardoado co premio “Celanova, Casa dos Poetas”

Desde Nós Diario:
“A Fundación Curros Enríquez de Celanova destaca a traxectoria vital de Xosé Lois González no campo da defensa da cultura galega e da Galiza. Neste sentido, recoñece a labor artística e cultural dunha persoa que se converteu nunha sorte de cronista da vida galega dos últimos 40 anos.
O xurado premio sinala que “Xosé Lois González, coñecido popularmente como “O Carrabouxo”, pola súa longa traxectoria como humorista gráfico e ter sido dende 1982 a través das páxinas do xornal La Región un dos pioneiros do humorismo gráfico galego da etapa democrática.
González, que colaborou tamén nestas catro décadas en publicacións como A Nosa Terra e Nós Diario, é definido polo xurado como “digno continuador, polo tanto, das viñetas de Castelao e herdeiro, ao mesmo tempo, dos rexistros sociolóxicos da sorna, da rexouba, do trasacordo, da retórica e da retranca”.
O xurado do premio “Celanova, Casa dos Poetas” liga a obra de González con publicacións do século XIX, como a revista O Tío Marcos da Portela ou o libro O catecismo do labrego, unha e outra da autoría do grande escritor ourensán do Rexurdimento Valentín Lamas Carvajal.
A Fundación Curros Enríquez de Celanova significa “non só a capacidade intelectual do autor e do seu alter ego”, en referencia ao Carrabouxo, “para seren quen entre ambos, de zugarlle cada mañá á actualidade, unha perspectiva subxectiva e alternativa destinada a provocar na xente un sorriso responsábel e reflexivo”
“Utilizando o humor coma unha auténtica arma comunicativa”, continúa a resolución do xurado, “destinada a axitar conciencias, valorando ademais e dun xeito especial o compromiso que desde eses mesmos anos oitenta mantivo co proceso de recuperación da casa familiar de Curros Enríquez para o patrimonio público”.
O premio “Celanova, Casa dos Poetas” concédese coincidindo co aniversario da morte do escritor e poeta Manuel Curros Enríquez, que dá nome a fundación que outorga desde hai 42 anos o galardón.
Os patróns da Fundación Curros Enríquez aproveitaron a reunión do xurado para facer unha defensa explícita do patrimonio cultural de Celanova retratándose co facsímile do semanario Adiante ao que alude a pintada do mosteiro un día despois de que quixeron borrala.”