Carlos Lixó, profesor e escritor: “Atráeme a idea de pensar se a miña experiencia humana é común ou resultado do contexto”

Entrevista de Roi Fernández a Carlos Lixó en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Unha ducia de relatos conforman Rastros. Como describiría o seu libro?
– Carlos Lixó (CL): Son relatos que están situados en diferentes momentos históricos. Están bastante vinculados coa sexualidade, cos corpos, coa represión e chámame a atención a idea de que situacións, actos ou sucesos acontecidos nunha sociedade distinta, situada noutro momento cronolóxico e noutro lugar poden ter significados moi diferentes. É dicir, o que é violencia é o que non, o que é desexo é o que non, o que é unha identidade ou deixa de ser muda en función do momento. Atráeme a idea de pensar se parte da miña experiencia humana é común con outros seres humanos ou é resultado do meu contexto.
– ND: É historiador, doutor e profesor de Historia, influíu isto á hora de crear este libro?
– CL: Sempre me chamou moito a atención o aleatorio que pode ser ás veces a conservación das fontes que nos permiten coñecer o pasado. É dicir, as cousas que se conservaron e que nos permiten reconstruír unha parte do que pasou son resultado do azar. Isto sempre me fixo pór a mirada naquilo en que será o que non se conservou e non podemos saber, ben porque alguén o ocultou ou ben porque se perdeu. (…)”