Fran Alonso: “A forza que tiña o clientelismo en 1983 hoxe conxúgase coa manipulación do discurso”

Entrevista de David Reinero a Fran Alonso en Praza:
“(…) – Praza (P): Na introdución desta entrevista, como entrevistador vou dicir que o libro pode ser unha novela, ou un ensaio, ou un experimento literario. E que vostede relata e reflexiona arredor do poder político, a literatura, a opinión pública e as súas propias lembranzas. Pero que opina o entrevistado do seu propio libro?
– Fran Alonso (FA): O que tiña moi claro é que a detención da vaca era unha anécdota, con moitísima forza, unha anécdota esperpéntica polo que ten de comicidade, de absurdo, pero que quería transcender a anécdota. Significaba utilizar a anécdota para falar do mundo, da miña visón do mundo, da miña visón da literatura, de como o mundo se transforma e como esa transformación tamén fai que nos transformemos nós. Porque nós estámonos transformando empuxados pola transformación tecnolóxica. É o que está cambiando radicalmente o mundo, o que está empuxando o mundo desde o punto de vista da política, social, etc. Quería reflexionar sobre todo iso, porque concibo tamén a literatura como algo que ten poder transformador. Para min a literatura evidentemente ten que ser diversión, pasar un bo rato, pero ao mesmo tempo quero facer unha literatura que vaia mais alá, que teña capacidade de transcender, de impresionar ou empatizar, de facer reflexionar, e que cando a lectura remate as persoas teñan a sensación de ter aprendido algo, ou polo menos ter visto algo distinto, algo novo. Iso lévame sempre a pescudar en cada libro, non repetir as fórmulas dos anteriores senón buscar novas formas de narrar. Incluso na poesía, novas formas de transmitir, novas formas de abordar a realidade desde a óptica literaria.
– P: Un libro sobre o propio escritor é autobiográfico. Pero isto podería ser máis ben unha biografía dunha vila ou dunha sociedade? Como se chama ese tipo de libro?
– FA: Creo que si, que é máis ben unha biografía dunha sociedade. Digamos que a vila é o centro, pero a vila pode ser paradigmática de moitísimas vilas. Por exemplo, no que se refire á corrupción urbanística, que está tratada na novela. Cantas vilas galegas estiveron sometidas naqueles anos á corrupción urbanística, ao desenvolvemento desmedido do seu chan. Convértese en espello de cara a onde está evoluíndo a sociedade, de cara a onde camiñamos expulsados polos cambios tecnolóxicos, que en definitiva son os que provocan tamén cambios sociais e os que acaban provocando cambios de mentalidade. É certo que cada época evoluciona desde o punto de vista intelectual, pero tamén é certo que nunca vivimos os cambios tan aceleradamente como nesta época. Estamos nun novo deseño de abordar o tempo. Ese deseño que temos actualmente de abordar o tempo non é comparable ao que sucedeu ao longo da historia. É un tipo de aceleración moi distinta que non sabemos onde nos vai conducir, pero que en todo caso, e diso estou convencido, está en estado embrionario. Creo que vai dar lugar a un novo sistema, inevitablemente, ten que dar lugar a un novo sistema que supere o capitalismo, que supere todo o que coñecemos de organización social. Non son gurú nin teño capacidade de análise xeopolítica, pero si que é a miña intuición. Creo que un cambio de mentalidade leva inevitablemente a un cambio tamén de sistema. Porque o sistema actual está obsoleto, serve só aos intereses de moi pouca xente, e creo que as sociedades non poden permitir iso. (…)”