O Consello de Administración de Galaxia nomea, por unanimidade, Director Xeral da editorial a Marcos Calveiro

Desde Galaxia:
“En reunión do Consello de Administración de Editorial Galaxia celebrada na tarde do 28 de maio, acordouse, por unanimidade, nomear novo director xeral a Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968).
A remuda na dirección, que se formalizará o vindeiro 1 de xullo, prodúcese polo próximo cesamento nas súas funcións do actual director, Xosé Manuel Soutullo, que informou ao Consello sobre da súa vontade de retiro após de considerar que se cumpriran os obxectivos marcados cando o seu nomeamento.
Marcos Calveiro é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e un recoñecido autor que se deu a coñecer como narrador con novelas xuvenís. Coa súa produción literaria acadou numerosos premios, entre os que destacan: o Premio Ala Delta de Literatura Infantil, o Premio Barco de Vapor de Literatura Infantil, o Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil, o Premio Narrativa Breve Repsol e o Premio de Novela García Barros.
En 2022 accedeu ao posto de director de edicións de Galaxia. Grazas ao seu desempeño, chegaron ao catálogo de Galaxia novas voces da narrativa, novos formatos —audiolibros, lectura fácil etc.— e xéneros. É membro da xunta directiva da Asociación Galega de Editoras e representa a Editorial Galaxia nos xurados do Premio de Literatura Xuvenil Xosé Neira Vilas, Premio García Barros, Premio de Narrativa Breve Repsol e Premio de Ensaio Ramón Piñeiro, entre outros.”