Miguel Anxo Fernández: “A novela policial é literatura, enténdoa como unha maneira de tomarlle o pulso á realidade”

Entrevista de David Cofán a Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia:
“Frank Soutelo está a piques de celebrar as súas vodas de prata. O ano que ven cúmprense 25 anos da publicación da novela que o deu a coñecer, Un nicho para Marilyn, da man do seu creador, o escritor e crítico de cine, Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955). Unha saga que, na véspera deste aniversario, engade unha nova entrega con Buscando a Dalia. Editada por Galaxia, é o oitavo capítulo das aventuras deste célebre detective de pais galegos afincado nos Estados Unidos, e mais dos seus carismáticos acompañantes.
Desta volta a trama desenvólvense principalmente no Carballiño, e como o propio título indica, deberán atopar a unha desaparecida Dalia Maxino, e resolver unha serie de asasinatos que teñen atemorizada a vila ourensá. Escrita con honestidade, tratando de atrapar ao lector sen caer no barroquismo, Miguel Anxo Fernández defende o valor da novela negra coma ferramenta para comprender o presente. «A novela policial sempre xogou, na mentalidade dos críticos, na segunda división. É algo co que discrepo totalmente: é literatura e enténdoa como unha maneira de tomarlle o pulso á sociedade e á realidade», explica.
«Nos tempos de Agatha Christie a novela negra tiña o método dedutivo, no que hai un asasinato e teñen que atopar ao autor. A novela policial actual non vai diso, no caso de Frank Soutelo, nin o lector nin o propio Frank saben quen é o asasino dende o principio. Usan a trama como coartada para aportar unha mirada crítica», enfatiza o escritor. Fernández define a Soutelo coma un «tipo romántico no sentido dun Robin Hood», aínda que recoñece que «non é un supermán», polo que, tamén en Buscando a Dalia, deberá botar man dos seus colegas Paz Pérez, Sugar Jones, Poncio, Fran Eiras, e veremos se da propia Dalia.
A obra navega pola actualidade, abordando o problema da emigración e como o discurso xenófobo que expande o inquilino da Casa Branca se impregna na sociedade galega. «Frank atopa o país moi polarizado con ideas moi reaccionarias co tema dos migrantes. Vén farto de Trump e ve que en Galicia están contaminados polo mesmo discurso», subliña o autor. Porén, ata os tragos máis amargos veñen acompañados dunha boa dose de humor. «A novela vai en serio, pero sempre cun toque de retranca. Tómalle o pulso ao que está pasando na sociedade a día de hoxe e, por exemplo, atópase con Sugar Jones que está cos do MAGA», comenta entre risos” (…)”