Entrevista a Anxos Sumai en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH):Unha gran novela ten que levar inevitablemente unha inxente morea de páxinas, ou abondan con poucas e boas para que constituír tal denominación?
– Anxos Sumai (AS): Calquera obra creativa pide o seu tempo e o seu espazo. No meu caso só escribín unha novela e ten xusto as páxinas que precisaba para contar o que quería contar e facelo dunha forma determinada. Non acepto os límites, nunca escribo calculando se un relato vai estenderse unha páxina ou en trinta, non sendo que me impoñan unha extensión cando me fan unha encarga. E igual que non teño conta dos límites tampouco penso o desenvolvemento, ás veces nin sequera o tema. As historias flúen, como dixen ao principio, a partir do impacto dunha imaxe e de aí, como diría o escritor Xesús Constela, é como se se abrise a billa da auga e xa non hai maneira de parar a enchente. Tampouco paro a pensar en xéneros literarios. De feito os dous libros que citaches non son estritamente novelas, senón unha recompilación de relatos –unha especie de diarios fiticios– onde a materia literaria é a vida cotiá. Si, unha novela pode ter cen ou mil páxinas, pero a extensión non é garantía de que sexa unha boa obra literaria. De feito, a literatura está chea de enormes libros absolutamente baleiros. Cóntoche unha anécdota que me aconteceu cun libreiro na cidade de Punta Arenas, en Chile. Quería mercar unha novela sobre o navegante Sarmiento de Gamboa, pero o prezo era realmente desorbitado. Pregunteille ao libreiro por que era tan caro e respondeume que era caro porque era un libro moi gordo. (…)
– GH: O galego como idioma literario e vivencial está a vivir unha das etapas máis prósperas e brillantes da súa historia. Porén, a situación, sociolingüística ou sociopolítica, non é alá moi boa. Como militante da vida, cal é, xa que logo, a túa opinión a respecto desta breve reflexión de min?
– AS: A situación é lamentable, unha falta de respecto cara ó país e ás xeracións precedentes que lle deron forma á lingua. Pero ben, canto ao tema literario, creo que este momento de agora non xurdiu así da noite para a mañá. Hai décadas que se vén producindo e hai moitas cousas que contribuíron. Unha, moi importante para min, é que as nenas e os nenos nas escolas teñen dende hai moitos anos acceso á literatura galega, algo que non acontecía con xeracións anteriores. Como moito, nos anos sesenta e principios dos setenta, podían falarche da obra de Rosalía de Castro. Eu comecei a descubrir a literatura galega cando xa era universitaria. Tampouco tiñamos daquela maneira de aprender a escribir en galego, como non fose por imitación da ortografía dos clásicos. A introdución do ensino da literatura e do idioma galego nas escolas é importante para entender por que tantos autores e autoras decidimos escribir na nosa lingua. Tamén conta o estímulo que poden supoñer os premios literarios ou a procura de voces novas por parte das editoriais, etc.”